O Sergas dará cobertura sanitaria aos menores saharauis acollidos no verán
Dende hai anos, nenos e nenas dos campamentos de refuxiados do Sáhara pasan as vacacións en Galicia. Este ano han vir 325.
Os 325 menores saharauis que se desprazan a Galicia dentro do programa Vacacións en Paz 2016 terán cobertura sanitaria durante o período vacacional. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregoulle á presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla Avión, os documentos acreditativos que garanten a asistencia. No acto estivo presente, tamén, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo Romero.
Dende hai varios anos, numerosas familias galegas acollen nos seus fogares a nenos e nenas saharauis procedentes dos campamentos de refuxiados durante o período de vacacións de verán. Este ano, concretamente, a súa estadía comeza o 10 de xullo e remata o 10 de setembro.
No que respecta ás prestacións sanitarias, a colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui inclúe a atención primaria, a atención especializada, e as prestacións farmacéuticas.
Na atención primaria, enmárcanse a atención sanitaria nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; e, ademais, programas de atención á infancia e a urxencias.
Doutra banda, en canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a obstétrica e a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización.
Respecto da prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.
Escribe tu comentario