Miles de galegos manifestáronse contra a precariedade laboral
Vigo acolleu algunhas das marchas máis importantes, cunhas 22.000 persoas reivindicando "emprego con dereitos" e unha Europa "máis social".
Miles de persoas convocadas polos sindicatos marcharon polas rúas galegas no 1º de Maio, Día do traballador, En concreto, Vigo acolleu algunhas das marchas máis importantes, cunhas 22.000 persoas denunciando a precariedade laboral, reivindicando "emprego con dereitos" e unha Europa "máis social".
Pasadas as 11,30 horas partía do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz a marcha organizada por CC.OO. e UXT, baixo o lema "Contra a pobreza social e salarial, traballo e dereitos". O responsable de CC.OO. en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, lembrou que a xornada do Primeiro de Maio é un día de "loita" e que ten que servir para denunciar as políticas do PP, que "quere acabar co modelo social".
A ese respecto, referiuse ás próximas eleccións xerais e esixiu aos partidos políticos que teñan no centro dos seus proxectos a loita contra o desemprego e contra a precariedade dos traballadores "pobres". "É a hora de reconquistar dereitos, que gobernen para a maioría social", reclamou.
Do mesmo xeito, o secretario galego de UXT, José Antonio Gómez, tamén denunciou o "deterioro social, laboral e de servizos públicos" do goberno do PP en Galicia e en España, e subliñou que os comicios son "unha oportunidade". Por iso, pediu aos traballadores "que non caian na desazón" e todo os cidadáns "que vaian votar", á vez que esixiu aos partidos "que non vaian ás eleccións cun programa oculto", como fixeron os populares, e que executen "un cambio radical de políticas".
Así mesmo, Gómez lembrou os motivos para ser reivindicativos este Primeiro de Maio, como os recortes en dereitos sociais e salariais, o elevado número de contratos temporais ou o desemprego xuvenil. Finalmente, esixiu a derrogación da 'lei mordaza', que levou a numerosos sindicais a ser procesados e condenados "por defender os dereitos da clase traballadora".
CIG
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, encabezou a marcha do sindicato nacionalista, que saíu pasadas as 12,30 do cruzamento da Dobrada. Seixo reclamou "soberanía nacional" como ferramenta para que Galicia deixe de acumular "parámetros negativos": paro xuvenil, desindustrialización, os salarios e as pensións máis baixas do Estado ou emigración forzada.
Do mesmo xeito que o resto de sindicatos, a CIG reclamou nesta xornada a "inmediata derrogación" da 'lei mordaza', así como das reformas laborais que "viñeron para quedar". Segundo o responsable do sindicato, as políticas do PP buscan "debilitar" á clase traballadora e frear as súas capacidade de mobilización e contestación social.
Seixo criticou tamén as políticas dunha "Europa antisocial" en cuestións como a xestión da crise dos refuxiados, e as posicións dos gobernos "proimperialistas", en beneficio de organismos e institucións financeiras internacionais.
Por iso, pediu á cidadanía galega que sexa "consciente da importancia do seu voto" nas próximas eleccións xerais, e que voten a formacións "nacionalistas" para "cambiar a correlación" das forzas existentes e "camiñar cara a un desenvolvemento económico e social" que, co PP, "son moi difíciles de conquistar".
Nas manifestacións deste Primeiro de Maio en Vigo participaron o alcalde da cidade, Abel Caballero e varios dos seus concelleiros, así como edís de Marea de Vigo. O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras; a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, a deputada de AGE, Eva Solla; ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foron outros dos líderes políticos presentes nas mobilizacións.
Escribe tu comentario