O decreto do plurilingüismo vulnera "os dereitos fundamentais dos galegos" para a RAG
A Real Academia galega acaba de denunciar o polémico decreto ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
Real Academia Galega está decidida a esgotar todas as vías legais contra o polémico decreto do plurilingüismo aprobado pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Este venres presentou unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, entendendo que o susodito decreto vulnera "os dereitos fundamentais dos galegos".
A Academia entenden que con este novo paso "asume a solicitude de pais e nais de menores en idade de escolarización" de que siga adiante "na defensa dos seus dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua" ante o Tribunal de Estrasburgo.
Por iso, explica, a RAG actuará como representante das familias, que xa pediran amparo á Academia no ano 2009, cando o decreto aínda era un proxecto de norma, para "defender o dereito á educación na lingua propia".
"REDUCIU O USO DA LINGUA"
A Academia Galega denunciou que o coñecido como decreto do plurilingüismo "reduciu o uso da lingua galega no ensino", tanto "cuantitativamente, como cualitativamente".
No primeiro dos ámbitos, o ensino pasou da metade a un terzo no currículo escolar e nalgunhas liñas educativas o seu uso "mesmo se limita á propia materia de lingua galega", sendo, na práctica, "ensinada como un idioma estranxeiro".
En canto aos termos cualitativos, elimina o galego das materias científicas, "colocándoo nunha situación de anormalidade como lingua, ao non ser considerada apta para o uso científico".
"ESGOTAR TODAS AS VÍAS XUDICIAIS"
A RAG lembrou que, desde a súa aprobación, decidiu esgotar "todas as vías xudiciais" contra unha norma que "infrinxe a legalidade, lesiona os dereitos das persoas galegofalantes e está en flagrante contradición co compromiso que o Reino de España subscribiu ao asinar a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias".
O propio Consello de Europa manifestou, o pasado mes de xaneiro, a súa "preocupación polo efecto negativo da redución gradual do galego" no ensino en Galicia. No seu último informe sobre a aplicación da carta, lembra a Academia, identifica "problemas importantes", entre os que sinala expresamente a diminución do ensino en galego.
A demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos lembra as advertencias do Consello de Europa e que o informe recolle o impacto "moi negativo" da aplicación do decreto, que no ensino infantil supón que o galego "só estea presente no nivel do 6,57 por cento nas poboacións de máis de 50.000 habitantes".
Así, a Academia tamén "insta encarecidamente as autoridades a ofertar educación en galego en todos os niveis apropiados".
Escribe tu comentario