Unha manifestación reclama ante a Xunta que se triplique a convocatoria de emprego do Sergas
Os sindicatos non están satisfeitos coa convocatoria de 818 prazas do Sergas, que non cubre os "máis de 3000 empregos" que segundo eles se destruiron nos últimos anos
Os sindicatos non están dispostos a conformarse coa convocatoria de 818 prazas do Sergas para este ano. Aseguran que esta OPE tan só cubre parcialmente as vacantes de 2015, quedándose lonxe de cubrir os “máis de 3000 empregos” que segundo eles se destruiron durante os últimos anos, nos que a taxa de reposición estivo fixada no 10%. Por iso encabezaron unha manifestación á que acudiron máis de 1000 persoas, segundo as súas contas, que partiu da sede central do Sergas e rematou ante a Xunta de Galicia, coincidindo coa celebración do Consello presidido por Alberto Núñez Feijóo.
A manifestación estivo convocada polos sindicatos CIG, CCOO, UXT, O'MEGA, SATSE, CESM, SAE e C-SIF. Ante as portas de San Caetano, esixíronlle a Feiijóo que convoque “todas as prazas vacantes”. María Xosé Abuín, da CIG, denunciou que “a saturación e grande” no Sergas, algo que se nota no día a día. Asegura que a falta de persoal está facendo que se pechen camas, provocando “o colapso das urxencias” e dotando á administración da “ferramenta perfecta para derivar cara ás privadas”.
Os voceiros dos manifestantes tamén protestaron contra a “precariedade” que ten provocado a falta de convocatorias de emprego público, asegurando que hai persoal contratado de luns a venres ou incluso por días soltos, empeorando a calidade asistencial. Ángel Cameselle, de CCOO, puxo como exemplo o caso dunha enfermeira que “hoxe está na planta de ciruxía, mañá está na planta de trauma…evidentemente non lle dá tempo a formarse”.
A falta de persoal nótase máis nalgunhas categorías, con poucas ou ningunha praza convocada. É o caso dos profesionais de enfermería, que consideran de todo insuficiente a oferta de 140 prazas para o seu colectivo. Carmen García, do SATSE; denuncia que “hai retrasos na asistencia, non chegamos a todo nin a todos e os profesionais saen todos os días con frustración". Aproveitan para denunciar as carencias dos centros sociosanitarios para maiores e discapacitados dependentes da Xunta, onde “non se convoca nin unha praza dende o 2006”.
Noutras categorías, como a de hostelería ou mantenemento, non se convocan prazas, algo que os sindicatos vinculan cunha estratexia privatizadora destes servizos.
Escribe tu comentario