Ter un traballo non implica saír da pobreza en Galicia
Un informe da CIG denuncia que o 31% dos asalariados galegos tiveron uns ingresos de menos de 6.800 euros anuais
A CIG acaba de presentar un informe económico elaborado a partir de datos oficiais, que revela a precarización do emprego en Galicia. Segundo os datos que manexa o sindicato o único grupo de traballadores que medra en Galicia é o de aqueles que cobran menos da metade do SMI. Denuncian que este grupo xa respresenta o 18,4% do total dos traballadores, unha porcentaxe que en 2009 se quedaba no 14,5%. Ademais, o 31% dos asalariados galegos tiveron uns ingresos de menos de 6.800 euros anuais durante 2015.
Estes datos foron presentados polo secretario confederal de Emprego da CIG, Miguel Malvido, e pola responsable do Gabinete Natividade López Gromaz. Ambos salientaron a reaparición da figura do "traballador pobre", nuns casos "polos salarios de miseria", pola "temporalidade da contratación" ou polas "xornadas parciais".
Para Malvido os datos evidencia a situación "crítica" na que se atopa a maioría da clase traballadora galega. “Se o 61% das asalariadas e asalariados galegos non chega a ese salario medio, estamos logo falando de que a inmensa maioría está instalada ou ben na pobreza ou ben ao límite”.
Denuncian ademais o aumento da temporalidade dos contratos. No ano 2015 estiman en 203.500 os asalariados con contrato temporal, que se repartiron o total de 813.088 contratos temporais rexistrados, o que nos dá unha media de 4 contratos por traballador.
De feito, foron os contratos temporais os que máis medraron –nun 12,1%- no último ano e dentro dos temporais, foron os de menor duración os que experimentaron maiores incrementos. Concretamente os contratos de menos de unha semana aumentaron un 14,2% e representaron o 30,7% do total dos contratos.
Ademais a xornada a tempo parcial representa o 14,3% do total. Deste xeito, estiman uns 106.200 empregados menos a xornada completa e 18.900 máis a tempo parcial.
Ante destes datos, o secretario confederal de Emprego cualificou a situación de “alarmante” e preguntouse “de que vale ter hoxe un emprego nestas condicións, se non permite ter a máis mínima perspectiva de futuro.”
Escribe tu comentario