O Constitucional certifica a morte da mina de Corcoesto
O Alto Tribunal confirmou que a Xunta actuou conforme a dereito cando lle retirou á mineira a competencia sobre as súas concesións na comarca de Bergantiños
O Tribunal Constitucional foi o encargado de poñer punto e final á batalla legal, rematando de forma prácticamente definitiva coas aspiracións da mineira Edgewater en Corcoesto. O tribunal acaba de desestimar unha reclamación do Goberno Central, confirmando que a Xunta actuou correctamente cando lle retirou á mineira a competencia sobre as súas concesións na comarca de Bergantiños, que se atoparan cunha firme oposición social.
En concreto, o Alto Tribunal avala a chamada 'cláusula Corcoesto' da Lei 12/2014, que sinala a posibilidade de denegar os dereitos mineiros polo "incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente solvencia económica ou técnica" do solicitante, argumento legal esgrimido pola Xunta para retirar as competencias da mineira sobre as súas concesións en Bergantiños.
Avalando esta decisión da Xunta, o Tribunal elimina a posibilidade de que a mineira Edgewater poida reclamar indemnizacións millonarias polo seu truncado proxecto en Corcoesto, pechando ademáis a porta a que recupere os seus dereitos de explotación na zona.
A decisión do Constitucional foi ben acollida na comarca de Bergantiños, especialmente por parte de colectivos como Salvemos Cabana, punta de lanza no proceso de contestación social que provocou o proxecto de Corcoesto.
Dende a plataforma celebran un "triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e do sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e da economía transnacional". Agradecen o esforzo de todas aquelas persoas, organizacións e institucións que apoiaron a loita contra o proxecto mineiro dende os seus inicios, protagonistas deste "fito logrado pola sociedade galega no seu conxunto en defensa do medio ambiente e da saúde pública".
En todo caso, esta victoria non implica que dende Salvemos Cabana se relaxen. Dende a asociación levan un tempo alertando contra un 'novo Corcoesto', nesta ocasión centrado no municipio de Zas. Alertan contra o proxecto de investigación 'Isabela II', que tratan de parar mediante alegacións antes de que chegue a facerse efectivo.
Escribe tu comentario