#Claves de la semana

Luís Tosar, nomeado ao Goya por "O descoñecido"

Tosar asegura que "isto é o máis lonxe que chegeu como actor", ilusionado coa idea de conseguir o seu cuarto Goya


|


Luís Tosar volverá o próximo 6 de febreiro á Gala dos Goya como nomeado na categoría a mellor actor polo seu papel en 'O descoñecido', dirixida por Dani de la Torre e que conta cun total de oito nomeamentos. "Isto é o máis lonxe que cheguei como actor. E aínda que tiven papeis moito máis complexos que este como personaxe, nunca un con tanta esixencia a nivel emocional e de chegar a estados anímicos tan extremos. Nunca me enfrontara a algo así", di sobre a súa interpretación neste thriller.



Neste sentido, asegura que nunca se viu nunha "tesitura" igual como actor: encerrado durante hora e media nun coche cunha bomba debaixo do asento. "Nunca me vía nesta tesitura e tampouco vira a moita xente facelo, e cando o facía preguntábame.. como cona chegaban a isto?", afirma Tosar, que aspira a conseguir o seu cuarto Goya con este intenso traballo. 


Reivindica o traballo de Dani de la Torre. "Como actor forzar a máquina é algo ao que te lanzas pero necesitas que alguén che aperte as torcas, que che obrigue a chegar a certos lugares", subliña o actor, que destaca a gran "soltura" e "seguridade" dun director cunha xa sólida traxectoria pero que debutaba nunha longametraxe cunha cinta complexa. Un reto que, visto o resultado final, superou con fartura.



UNHA APOSTA ARRISCADA



"A pesar de que todo era moi complicado, todo o tempo metidos nun coche, moita implementación técnica, moitas cousas que son novas... todas as premisas eran a priori moi fodidas, pero eu confiaba moito en Dani e logo foi todo moi ben", lembra Tosar, que valora a boa saúde do thriller español como un regreso a unha senda abandonada hai algúns anos.



"É retomar unha testemuña que perderamos nalgún momento". O actor lembra ademais as boas películas de xénero que se facían nos sesenta e setenta. "Un bo thriller, aínda que máis rueiro, máis bizarro... pero non deixaban de ser moi boas películas e había una certa tradición. Nalgún momento perdeuse e agora retomamos esa testemuña", apunta en referencia a títulos como Cela 211, Non haberá paz para os malvados ou a máis recente A illa mínima, sen esquecer as aínda inéditas Cen anos de perdón e Toro, que verán a luz este ano e que el mesmo protagoniza.



En todo caso Tosar subliña que en España "a cinematografía é moi diversa e ampla" e nela "hai de todo e moi bo". "Pero quizá nos faltaba superar o pudor de atrevernos a facer películas máis grandes con pouco diñeiro, que é o noso hándicap sempre", algo que liquidou o que o actor define como "a democratización da tecnoloxía". "Agora cun dron podes facer un plano aéreo de moito nabo e hai uns anos non o tiñas", sentenza.



INCENTIVOS FISCAIS



Para os Goya, e á carga reivindicativa que terá a gala á que asistirá o ministro de Cultura Íñigo Méndez de Vigo, Tosar sinala que ultimamente o lema é "mirade o que somos capaces de facer a pesar de como estamos", pero tamén esixe un cambio que, ao seu xuízo, é necesario para o cinema español.



"Ten que haber un cambio de política, sobre todo no tema de política fiscal. Nós o que necesitamos é, tal e como se está transformando a industria, unha política de incentivos real que nos permita negociar con investidores", explica o actor que aínda que recoñece que as subvencións "son necesarias" para un tipo de cinema -"ese cinema de pura autoría, de arte e ensaño, que necesita un apoio institucional e se non está case condenado a desaparecer"- máis aló o resto necesita sobre todo "un incentivo fiscal claro que nos permita negociar".



"Se non non podes convencer a ninguén para que meta o seu diñeiro nunha película porque lle parece o peor negocio do mundo. E é que ou tes un 'pepinazo' de película ou é moi difícil daquela recuperalo", sinala.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE