Operación contra o furtivismo con máis de 830 quilos de pescado e marisco requisados
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron 835 quilos de peixe e marisco, así como 391 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados na costa galega para vixiar a extracción ilegal de especies. Os inspectores tamén se fixeron con 10.500 metros de artes de enmalle.
Segundo informou a Consellería do Mar, na ría de Arousa houbo varios controis que deron como resultado o comiso de 2.550 metros de artes de enmalle, máis de 443 quilos de especies e a incautación de 51 aparellos de pesca. A actuación máis relevante tivo lugar nun control na estrada en Vilaxoán, no que os axentes se incautaron de máis de 417 quilos de ameixa japónica procedente de Portugal.
Por outra banda, na ría de Pontevedra os Gardacostas requisaron 7.950 metros de artes de enmalle, 241 útiles de pesca e 72 quilos de diversas especies. Os operativos máis destacados foron nas zonas de Ons, Onza, Punta Cousa e Mingalla, onde os axentes comisaron 200 cacharros de polbo, tres viveiros de nasas e un palangrillo e incautáronse de 29 quilos de polbo e dous de camarón.
A ría de Ferrol tamén foi escenario de varios operativos que se saldaron coa incautación de catro aparellos de pesca e 151 quilos de mestura de ameixa, a maioría babosa e de talla antirreglamentaria.
Ademais, nun control realizado por terra na Coruña, os axentes confiscaron 142 quilos de ameixa; mentres que noutro realizado na ría de Corcubión os inspectores fixéronse con 12 quilos de polbo, 60 cacharros e 35 nasas de madeira por estar sen identificar.
Por último, en Carballo, as autoridades comisaron case 15 quilos de centolla, a maioría huevada.
Escribe tu comentario