As augas termais de Ourense, fonte de enzimas para a industria
Investigadores da Facultade de Ciencias participan no proxecto europeo HotDrops
As fontes termais de Ourense, fonte de enzimas para a industria
As enzimas son catalizadores, proteínas que aceleran unha reacción química. Esta definición teórica significa que na práctica son compostos naturais de grande interese para a industria.
Por exemplo, o que fai que un deterxente limpe o aceite dunha prenda de roupa é a lipasa, unha enzima que “racha” a graxa para que poida ser lavada. Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballan desde 2013 no proxecto europeo HotDrops. Nel, catro universidades e catro empresas buscan novas enzimas termofílicas, que actúan a altas temperaturas e son máis resistentes a condicións extremas, para aplicacións industriais tomando como punto de partida o ADN de microorganismos presentes en augas e solos de fontes termais de Ourense.
O proxecto está financiado polo 7 Programa Marco da Unión Europea, concretamente pola convocatoria Marie Curie academia-industria. O líder é a Universidade Autónoma de Madrid, estando como socias as universidades de A Coruña, Cambridge e Vigo e as empresas Galchimia, Biochemize, Droptech e Novozymes, o principal provedor de enzimas do mercado. O equipo da Universidade de Vigo está encabezado por María Luisa Rúa e formado tamén por Ana Torrado, investigadoras do Laboratorio de Bioquímica da Área de Nutrición e Bromatoloxía. Este xoves e venres, os membros do proxecto, encabezados por José Berenguer, coordinador de HotDrops, dironse cita no I Encontro AgroBiotech que se celebrou no Parque Tecnolóxico de Ourense, onde presentan o seu proxecto, que ten unha duración de catro anos, ao sector como exemplo de colaboración entre investigación e empresa no eido biotecnolóxico.
CATALIZADORES MAÍS EFICIENTES E ESPECÍFICOS
Segundo explican as investigadoras ourensás, para a obtención de enzimas no proxecto están “a empregar sistemas descreening de alta eficacia baseados na microfluídica”. O seu traballo concreto consiste na posta a punto deste sistema descreening para a busca e selección de enzimas e posteriormente levar a cabo a produción e caracterización dos compostos proteicos seleccionados para unha aplicación industrial. Actualmente, sinalan, atópanse no proceso de selección de enzimas a partir de bancos de ADN, concretamente de ADN procedente de microorganismos presentas nas augas e solos de fontes termais do río Caldo, en Lobios.
Neste proceso, indican, é especialmente interesante a obtención de lipasas, proteasas, celulasas e outras enzimas de interese industrial. Entre as primeiras seleccionadas polas investigadoras ourensás están precisamente lipasas, que son de utilidade nun amplo abano de eidos, desde produtos farmacéuticos ata biodiesel.
(De izqda. a dirta.) José Berenguer, coordinador do proxecto, xunto a Ramiro Martínez, Virxilio Rodríguez e Javier Soto durante unha das actividades realizadas para dar a coñecer o proxecto
A APOSTA POLA INVESTIGACIÓN
Escribe tu comentario