180 deportistas de seis universidades participarán nos XXIX Xogos Galaico-Durienses
Haberá competicións de fútbol 7 feminino, rugby 7 masculino e xadrez
O campus de Ourense converterase os 24 e 25 de novembro no referente do deporte universitario de Galicia-Norte de Portugal. Durante eses dous dúas, 180 deportistas de seis universidades lusas e galegas participarán nos XXIX Xogos Deportivos Universitarios Galaico-Durienses.
Os promotores desta iniciativa, que se leva celebrando desde 1993, queren contribuír a estreitar os lazos entre as institucións participantes e fomentar os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria.
Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Mario Guede, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense; Antía Pose, técnica da Fundación CEER, e Borja Navarro, da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, foron os encargados este venres de presentar a edición deste ano dos xogos, que reunirán a estudantes das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro e Porto. "Estes xogos demostran a boa relación de cooperación que hai entre as universidedes participantes e poden ser o xermolo doutro tipo de xogos universitarios, como os da franxa atlántica", comentou Virxilio Rodríguez.
Apoian este evento, desde a Fundación CEER e desde a Agrupación Galicia-Norte de Portugal salientaron a importancia da colaboración transfronteiriza que se produce nestes xogos. "Nos tempos que corren é un fito chegar á 29 edición dun cita deportiva que ten como principal valor non a competición senón a convivencia", engadiu Rodrigo Alberte Pivida.
Á hora de elixir as competicións tamén se tivo en conta as instalacións dispoñibles no campus onde se celebrará a cita, neste caso no campus de Ourense. Deste xeito, os días 24 e 25 de novembro a actividade desenvolverase de acordo co Regulamento Xeral dos Campionatos Universitarios no pavillón universitario e no campo de futbol-rugby ourensáns.
Traballando por unhas universidades saludables
Os xogos, sinalan desde a súa organización, concíbense coma unha sorte de vehículo que permite o coñecemento mutuo, a convivencia e o traballo colaborativo entre as universidades e organismos públicos integrantes da Eurorrexión, son un aliciente para que os equipos universitarios adestren con intensidade e dedicación ao longo do ano co obxectivo de tentar mellorar as posicións de edicións anteriores, co espírito de entrega e superación que caracteriza a estas competicións.
A iniciativa, enmárcase dentro do compromiso das universidades participantes no fomento dos hábitos de vida saudables, compromiso que se materializa na súa adhesión ás redes estatais e internacionais que agrupan ás chamadas “universidades saudables”. Nos case 30 anos de experiencia dos xogos, recalcan, téñense mobilizado con esta iniciativa a máis de 8000 estudantes dos dous países.
Escribe tu comentario