Santiago acolle a Gala Michelín, que consolidará a Galicia como destino gastronómico de primeiro nivel
A capital galega e meta do Camiño de Santiago converterase así no epicentro da restauración de alto nivel acollendo a máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo
O Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acollerá o próximo día 25 de novembro a Gala Michelín, un acto no que se desvelará o listado de establecementos que ostentarán o galardón Estrella Michelín en 2016 e que consolidará a Galicia como "destino gastronómico de primeiro nivel".
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o cociñeiro galego Pepe Solla -galardoado cunha Estrela Michelín- presentaron este venres este evento, ao que acudirán máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo e no que se presentará a Guía Michelín España e Portugal.
"Esta prestixiosa gala converteuse en moito máis que a presentación dunha guía, é o evento gastronómico do ano", asegurou Castro durante a rolda de prensa desenvolvida no Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
Por iso, destacou que o seu departamento prepara unha "programación especial" para exaltar a Galicia como capital gastronómica. Así, nas próximas semanas, entre outras accións, celebraranse talleres de cociña na Aula Gastronómica da Praza de Abastos de Santiago a cargo de recoñecidos cociñeiros como Pepe Solla ou Beatriz Sotelo, entre outros. As datas previstas son o venres 13 de novembro en horario de tarde e o sábado 14 en horario de mañá.
ACTIVIDADES PARALELAS
Así mesmo, o luns 23 Turismo de Galicia celebrarán no Centro Superior de Hostalaría de Galicia o concurso 'Tapas con Estrella', dirixido a centros de formación de Galicia que contan na súa oferta académica cun ciclo formativo de cociña que premiará á mellor receita de cociña e repostaría elaborada con produtos con Denominación de Orixe Xeográfica protexida.
GRAN MOMENTO PARA A GASTRONOMIA GALEGA
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia sinalou que a elección da nosa comunidade, como escenario para esta celebración, demostra o gran momento que está a vivir Galicia e a súa gastronomía.
Recordou que a Comunidade galega conta con máis de 5.300 restaurantes inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas que poñen a disposición dos visitantes máis de 365.000 prazas nas que degustar "exquisitos pratos". "12 destes restaurantes galegos contan co galardón Estrella Michelín e 26 deles atesouran un total de 37 Soles Repsol", engadiu.
“Sen dúbida, este evento constituirá un importante reclamo para a nosa comunidade e posicionará Galicia como capital da gastronomía europea”, concluíu Nava Castro.
Escribe tu comentario