'Noites de retranca' regresa a Pontevedra con Quico Cadaval e Rober Bodegas
Noites de retranca, considerado como o espectáculo de humor máis visto na historia do teatro galego, volve a Pontevedra. Farao o vindeiro sábado 24 de outubro cunha nova función que reunirá sobre o escenario a Quico Cadaval e Rober Bodegas. Será a partir das 21.00 horas no auditorio da sede de Afundación en Pontevedra, situado na rúa Augusto González Besada.
Este espectáculo presenta case dúas horas de show baseado no formato de monólogo no que os actores e actrices intercambian co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan as nosas vidas cotiás.
O espectáculo, que se atopa actualmente na súa quinta edición, foi representado nos principais auditorios e teatros de Galicia así como no Teatro Liceo de Salamanca e o Teatro Casino de Xixón, entre outros, sumando máis de 40.000 espectadores nas súas cinco tempadas de cartel.
A representación, na que xa participaron figuras tan coñecidas como Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Camila Bossa ou Cándido Pazó entre outros, regresa aos escenarios pontevedreses con Quico Cadaval e Rober Bodegas, dous dos cómicos máis populares da escena galega.
As entradas para asistir a esta función están dispoñibles a través de www.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
Escribe tu comentario