SITUACION DRAMATICA
O lácteo galego fará unha gran tractorada o 17 de xullo en Santiago
Fará unha fronte común para pechar mobilizacións coas que esixir a Xunta e Ministerio que garantan a recollida e prezos dignos
As principais organizacións agrarias convocaron para o próximo martes á Plataforma en Defensa do Sector Leiteiro de Galicia, co fin de pechar un calendario de mobilizacións, que se prevé pase por unha manifestación unitaria o 17 de xullo en Santiago de Compostela, á que seguirá "unha gran tractorada".
Diso informaron en rolda de prensa conxunta os tres principais sindicatos agrarios galegos -UU.AA., Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores-, que sinalan que se chega a estas mobilizacións ante a "dramática" situación do sector, que padece prezos "irrisorios" polo leite e atópase baixo ameaza de non recollida por parte da industria.
Ante esta conxuntura, convocan a todo o sector produtor, ademais de forzas sociais e partidos políticos e alcaldes das bisbarras afectadas a reunirse o próximo martes en Santiago, co obxectivo de facer unha fronte común ante o que consideran "un boicot" da industria para provocar unha "volta atrás" do paquete lácteo.
Neste sentido, o líder de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, remarcou a importancia de levar a cabo unha resposta "unánime" e "contundente", posto que atribúe a actual situación á industria, que mantén "un pulso" co Ministerio de Agricultura, dado que cre que "non hai tanta produción que non se dea absorbido".
Así, búscase chamar a atención á Xunta, Ministerio e Bruxelas de que "a situación non pode seguir así" e ten que haber unha "resposta política", xa que do lácteo dependen uns 100.000 empregos directos e indirectos en Galicia, segundo remarcou Bello.
NON RECOLLIDA
Estas mobilizacións chegan despois de que Leite Río deixase de recoller a pasada semana a produción a unhas 20 explotacións lácteas das zonas de Curtis e Terra Chá alegando un incumprimento dos estándares mínimos de calidade.
Sobre este extremo, Javier Iglesias (Unións Agrarias) remarcou que non é tanto que estas explotacións vaian quedar co seu leite sen recoller, senón que tras ser rexeitada será posteriormente comprada case a custo cero, o que aboca á ruína ás explotacións.
Nesta liña, o coordinador do sector gandeiro do Sindicato Labrego Galego, Xabier Gómez Santiso, considera que "o colmo de todos os colmos" é que ademais da situación que atravesa o sector agora xa nin se garanta a recollida, posto que non haberá capacidade de mellorar os prezos "mentres haxa leite tirado". Ademais, ve "curioso" que a industria que deixa de recoller sexa galega.
Así mesmo, Javier Iglesias subliña que o argumento da calidade que aduce Leite Río para non recoller "é falso". A compañía propiedade de Jesús Lence quéixase de que o leite deses gandeiros non alcanza o 3,5% de graxa, pero os sindicatos rebaten que a graxa nunca foi considerado como un parámetro de calidade, e máis tendo en conta que aumenta a demanda de produtos baixos en graxa.
E é que segundo recorda Gómez Santiso no resto do Estado non existe esta problemática de prezos por debaixo de 20 céntimos o litro e de recollida, no que identifica con que "se está a deslocalizar" a produción de Galicia, co fin de que moitas granxas desaparezan nun proceso de reconversión, para que a produción estea máis preto dos principais centros de consumo en España.
"ACORRALAR" GRANXAS DENDE O 1 DE XULLO
Xunto a isto, os sindicatos alertan de que a situación será "insostible" a partir do 1 de xullo, dado que moitos produtores comezarán a cobrar "entre 16 e 18 céntimos" polo litro de leite producido durante tres meses, lonxe dos custos de produción.
A preguntas sobre as palabras do luns da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, que asegurou que a industria mostra un "forte compromiso" para que "non quede nin un só litro de leite sen recoller" en Galicia, Xabier Gómez Santiso replicou que a ameaza de non recollida forma parte "dunha estratexia máis da industria" para "acorralar" ás granxas e "impoñer prezos cada vez máis baixos".
De feito, Javier Iglesias fala dunha "guerra" contra o sector lácteo galego, dado o seu peso como novena rexión máis produtora de Europa, ao tempo que acusou empresas como Lácteos Terra de Montes ou Lácteos Ortegal de impoñer baixos prezos a partir do 1 de xullo.
Deste modo, Francisco Bello explicou que en Galicia se produce ao redor de 6,5 millóns de litros de leite diarios, pero están ameazados de recollida entre 100.000 e 200.000 litros cada día, que acaban entrando en cisternas para Portugal, o que "desestabilizar" a todo o sector. Ademais, recordou que a actual situación non ten sentido se se ten en conta que España hai déficit de produción, dado que o producido só supón un 70% da demanda.
Por todo iso, se prevé que o próximo martes se pechen mobilizacións que comezarán, previsiblemente, o 17 de xullo en Santiago cunha manifestación. Tampouco se descarta que haxa protestas "espontáneas" nas principais bisbarras afectadas e, se a situación non se soluciona, levará a cabo unha "gran tractorada" entre finais de xullo e mediados de agosto.
POSTURA DA OPL DE SANTA COMBA
Por outra parte, a Organización de Produtores de Leite, que agrupa varios gandeiros principalmente da zona de Santa Comba, reunirase este mércores, 1 de xullo, para expoñer a situación do sector ante a conselleira de Medio Rural e para avanzar que prevé levar a cabo unha tractorada o 1 de setembro.
Na rolda de prensa deste martes celebrada en Santiago non estivo presente a Organización de Produtores de Leite, e a preguntas da prensa sobre a súa decisión de convocar para o 1 de setembro a tractorada, os representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Xóvenes Agricultores avogaron por que todo o sector actúe de forma coordinada.
Escribe tu comentario