O Museo do Pobo Galego exhibe a obra fotográfica de Dionisio Tasende a través dunha exposición
Baixo o título ‘De homes... e mulleres’, a mostra abriuse hoxe ao público con 81 imaxes en branco e negro tomadas en Galicia entre 1955 e 1979
Santiago, 4 de xuño de 2015.- O Museo do Pobo Galego abriu hoxe ao público a exposición ‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’, producida polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) para a divulgación da obra deste fotógrafo coruñés a través da exhibición dun total de 81 das súas imaxes tomadas en Galicia entre 1955 e 1979.
Comisariada polo tamén fotógrafo José Caruncho, a mostra constitúe a primeira ampla retrospectiva realizada sobre o traballo de Tasende (A Coruña, 1918-2010), profesional moi considerado internacionalmente pola súa adscrición á FIAP (Fédération Internationale de L’Art Photographique), organismo especializado recoñecido pola Unesco. A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de xullo e visita Compostela trala súa estrea en abril do pasado ano no Museo de Belas Artes da Coruña.
Con esta iniciativa, o CGAI, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, avanza no seu cometido de difusión das distintas manifestacións do noso patrimonio visual e dos traballos concretos dos seus creadores, neste caso a través da presentación inédita de moitas das instantáneas de Dionisio Tasende, todas elas en branco e negro e na súa meirande parte retratos e escenas da vida cotiá galega deses anos. Neste sentido, acompaña a mostra a publicación dun ilustrativo catálogo que reproduce as imaxes ao tempo que enxalza a figura e a obra do coruñés como un dos grandes fotógrafos do século XX.
Valor estético e documental
‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’ inaugurouse esta tarde nun acto no que estiveron presentes membros da familia Tasende e que contou coa participación do presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, do director do CGAI, Guillermo Escrigas, e do comisario da exposición, José Caruncho.
O director da Agadic expresou que a exposición “salda, en certa medida, a nosa débeda con este artista, distinguido por múltiples galardóns internacionais, admirado polos seus compañeiros de profesión, pero moi descoñecido aínda para a maioría dos galegos”. Sutil destacou o valor tanto estético como documental da obra de Tasende, así como a súa dedicación constante e a súa meticulosidade á hora de captar momentos representativos do día a día. Agradeceulle, ademais, á familia do fotógrafo a súa colaboración para facer posible a mostra.
Fotógrafo intuitivo e autodidacta
Dionisio Tasende descubriu a súa afección á fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida e a fotografía converteuse na súa gran paixón. Pertenceu á xeración que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de A Coruña, da que foi membro fundador e na que conseguiu organizar salóns nacionais e internacionais co obxectivo de divulgar esta arte.
Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombreiro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Gran observador das persoas no seu ambiente e contorno natural, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no seu momento preciso con rapidez e anticipación, gran expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción.
Máis de 200 premios
Entre os anos 1955 e 1989 conseguiu máis de douscentos premios en concursos e salóns fotográficos nacionais e internacionais, entre os que destacan: Premio Certamen Internacional Luis Ksado de Nova York (1981), Gran Premi Medalla de Oro Salón Internacional de Andorra (1966), Premio de Honor e Primeiros Premios no Salón Internacional de Valladolid (1967, 1965, 1964), premios de honra e primeiros premios no Concurso Nacional de Paisajes, Costumbres y Trabajos Españoles de Sevilla (1980, 1978, 1976, 1973), dous premios de honra e tres primeiros premios no Concurso Nacional Asociación Fotográfica ‘Casal Tarragoní’ de Tarragona (1976, 1975, 1974, 1973, 1966), catro primeiros premios no Concurso Nacional Centro de Lectura “Rosa de Reus” (1971, 1970, 1969)... e outros 56 primeiros premios en concursos nacionais.
Como figura clave na fotografía galega, en 1984 é invitado a expoñer dez obras na I Fotobienal Vigo84, mostra organizada para recuperar a memoria fotográfica galega e proxectala cara ao exterior, e na que volveu participar en 1990. En 1986, a Fédération Internationale de l’Art Photographique concédelle a distinción ‘Artista FIAP’ en homenaxe á súa dedicación, aos seus traballos e á súa técnica, e en recoñecemento aos “eminentes servizos prestados á causa da fotografía”.
Escribe tu comentario