Sanitarios Galegos Públicos ve unha "política de desmantelamento" tras o anuncio do Sergas de pechar camas nos hospitais públicos
O sindicato Sanitarios Galegos Públicos (Sagap) asegurou que, tras a previsión do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de pechar máis dun milleiro de camas na rede de hospitais públicos galegos este verán, hai unha "política de desmantelamento".
A titular de Sanidade do Goberno autonómico Orballo Mosquera
O sindicato Sanitarios Galegos Públicos (Sagap) asegurou que, tras a previsión do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de pechar máis dun milleiro de camas na rede de hospitais públicos galegos este verán, hai unha "política de desmantelamento".
"Queremos manifestar o noso total desacordo e rexeitamento á medida adoptada de novo por parte do Sergas en canto ao peche de camas e unidades enteiras dos nosos hospitais durante o verán", subliñou Sagap nun comunicado.
É máis, este sindicato considera que a Consellería de Sanidade emprega "desculpas" que resultan "case insultantes" e "totalmente insustentables", como "obras de mantemento", "diminución de carga asistencial" e "vacacións do persoal".
"As obras de mantemento sospechosamente téñense que realizar verán tras verán nas mesmas habitacións", denunciou este sindicato, xusto antes de defender que a "carga asistencial tan diminuída" debería "traducirse" en "nin un só paciente derivado a un centro privado".
En cando ás vacacións do persoal, Sagap fixo fincapé en que o Sergas dispón de "persoal eventual vinculado nas listas de contratación máis que suficiente, disposto, perfectamente preparado e en espera cada día de poder ser contratado".
"O peche de camas e servizos enteiros supón unha garantía de atasco das listas de espera, a sobrecarga do persoal que continúa traballando durante o verán e das urxencias, a recolocación de pacientes en áreas doutras especialidades distintas ás que lle corresponden pola súa patoloxía", explicou Sagap, que considera todo o enumerado unha "diminución evidente" na "calidade asitencial" aos pacientes.
VERÁN, "CADA VEZ MAIS LONGO"
Por todo iso, este sindicato lamentou que a época estival non se aproveite para "alixeirar" as listas de espera, así como que se "infrautilicen" os recursos nos meses de "xuño, xullo, agosto e setembro". "E prolongándose ano tras ano o peche nun verán cada vez máis longo", precisou.
"Se dispomos de hospitais, quirófanos e persoal suficiente para garantir o funcionamento correcto durante todo o verán, non existe xustificación algunha para que tal medida leve a cabo", destacou Sagap, para logo remarcar que "nin sequera económica".
Neste sentido, indicou que "as infraestruturas existen" e denunciou que "o pretendido aforro en contratación de persoal escápase en concertos e facturación por parte dos centros privados". "Aos que estamos a manter", apostilou.
Esta denuncia prodúcese despois de que o Sergas anunciase que a planificación prevista para este verán na rede de hospitais públicos galegos prevé o peche dunha media do 13,88 por cento das camas hospitalarias, o que suporá que máis dun milleiro non estarán operativas.
Escribe tu comentario