Ingresan no hospital outros dous tripulantes do barco atracado en Vigo onde se detectou variante india
Outros dous tripulantes do buque 'Prometheus Leader', en corentena no porto de Vigo e no que se detectaron tres casos de variante india, tiveron que ser trasladados ao hospital, co que xa son catro os mariñeiros ingresados.
Segundo confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, outros dous mariñeiros foron trasladados ao hospital nas últimas horas, polo que actualmente son catro os que se atopan ingresados no Vithas Fátima de Vigo, aínda que todos eles en planta.
O resto da tripulación --formada en total por 22 persoas--, atópase en seguimento médico dentro do barco, engadiu Feijóo. Entre a tripulación do barco detectáronse por parte das autoridades sanitarias galegas seis casos de covid-19, dos que cinco foron remitidos a secuenciación por sospeita de variante india. Finalmente, tres deles foron confirmados como pertencentes á variante B1.617, subvariante 2 da cepa india, que "é sensible á vacina", os primeiros que se detectaron en España.
Alberto Núñez Feijóo dixo este luns que a situación é "estable", aínda que non se trata de "unha variante fácil", se non que "leva máis incremento de contaxiosidade". "Temos que seguir tutelando e monitorizando ás persoas que están no barco e coidando ao catro hospitalizados até o momento", resolveu.
Escribe tu comentario