O PSOE coruñés denuncia "falta de limpeza" tras a festa de Fin de Ano
Pedirán explicacións "polo dispositivo especial de limpeza para o día de Ano Novo que, ou ben non existiu ou non funcionou en espazos como os xardíns de Méndez Núñez".
O Grupo Municipal Socialista no Concello da Coruña preguntará no pleno da próxima semana "pola falta de limpeza na cidade" tras a celebración do Fin de Ano, en particular na zona dos Xardíns de Méndez Núñez.
En concreto, precisa que pedirán explicacións "polo dispositivo especial de limpeza para o día de Ano Novo que, ou ben non existiu ou non funcionou en espazos como os xardíns de Méndez Núñez, onde o lixo e restos de botellón seguían o domingo pasadas as cinco da tarde".
Os socialistas sosteñen que "os servizos de limpeza non responderon adecuadamente as necesidades". Por iso, asegura que formularán ao executivo municipal preguntas escritas "para coñecer se o goberno municipal de Marea Atlántica estableceu un dispositivo especial de limpeza para as festas do Nadal e en que consistiu se se estableceu".
Por outra banda, denuncian que levan tempo facéndose eco "das queixas e malestar dos veciños da Coruña pola falta de limpeza da cidade, con rúas sucias, parques sen mantemento e prazas nos que se acumulan os restos de lixo", conclúe.
Escribe tu comentario