A Ronda da Muralla terá o límite de 30 "nos primeiros meses de 2017"
En canto se adapte a sinalización, os semáforos e os radares xa non se poderá circular a 50. "Imos moi acelerados no día a día", argumenta a alcaldesa de Lugo.
A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, confirmou que a limitación de velocidade máxima a 30 quilómetros por hora na Ronda da Muralla farase "nos primeiros meses de 2017".
A rexedora confirmou así un anuncio que trasladaba ao longo deste mes e que busca un viario "pensado para as persoas". "Creo que é unha realidade, todos, empezando por min mesma, imos moi acelerados no día a día e esa limitación pódenos facer pensar que chegamos máis tarde e é todo o contrario, non imos gañar máis tempo por ir a 50 no canto de a 30", indicou.
Lara Méndez é consciente que a limitación se vai producir "nunha das principais arterias da cidade, que distribúe o tráfico por toda a cidade", aínda que defende a medida.
Así, precisou que "agora hai que facer provisión de material, hai que poñer a sinalización horizontal e vertical, tamén hai que facer a adaptación dos radares á nova limitación de velocidade e adaptar a sinalización semafórica". Unha vez concluído este traballo reducirase a velocidade na rolda a 30 quilómetros por hora, á vez que se dará servizo a un carril bici.
Escribe tu comentario