Caballero: "Ou a alta velocidade arrinca agora ou Vigo quedará sen ela"
O alcalde de Vigo compara a situación do AVE coa dos aeroportos, e acusa a Feijóo de querer centralizar todo a Santiago e esquecerse de Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remarcou que se non se executa a variante de Cerdedo na conexión de AVE Ourense-Madrid, "un traxecto por estrada de 94 quilómetros tradúcese en case 200 quilómetros", a colación do que insistiu en que "ou o tren de alta velocidade arrinca agora, ou Vigo quedará para sempre sen tren de alta velocidade".
Tras reunirse este luns con representantes de CCOO, Caballero manifestou nunha rolda de prensa que o que se pretende facer en materia ferroviaria en Vigo "non ten nin un só caso similar en Europa". "Pretenden que vaiamos 100 quilómetros para atrás, en dirección contraria, e 100 quilómetros para adiante", criticou.
Neste marco, sostivo que "é manifesto, evidente, o intento de Féijoo e de Rajoy de deixar a Vigo" sen AVE, o que considerou que "volve ser a teoría de Feijóo dunha estación de ferrocarril central, que é a de Santiago, mentres Vigo, con medio millón de persoas na súa área, terá que ir coller o AVE a Santiago".
"Feijóo non quere que haxa tren de alta velocidade desde Vigo. Quere unha estación de alta velocidade central, que é a de Santiago, e que todos teñamos que ir a Santiago", insistiu Caballero, que volveu facer un paralelismo desta situación co ocorrido cos aeroportos, cando o presidente do Goberno galego tiña "a mesma posición: Centrar en Santiago e pechar o de Vigo".
Escribe tu comentario