Formoso nega ser o contrapunto de Abel Caballero dentro do PSdeG
O presidente da Deputación da Coruña recoñece discrepancias, pero tenta deixar atrás a fenda interna: "somos compañeiros de ideoloxía".
O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, afirmou que coincide co alcalde de Vigo e compañeiro de filas, Abel Caballero, "na maioría das cuestións". "Somos compañeiros de ideoloxía", subliñou, xusto antes de recoñecer, con todo, que non están de acordo na maneira de xestionar "algunhas cuestións".
"Pero tampouco coincido ao cento por cento coa miña muller", chanceou o socialista nunha entrevista en Cadena Ser, negando así ser o contrapunto ao alcalde socialista de Vigo.
A continuación, rexeitou que o PSdeG estea a esperar ao exsecretario xeral José Ramón Gómez Besteiro, de quen di que é simplemente "un militante máis". "Un amigo no meu caso", engadiu, para logo indicar que o lugués está "integrado na vida laboral" e "resolvendo a súa situación xurídica".
Gómez Besteiro presentou a súa dimisión unha semana despois de que a xuíza Pilar de Lara sumase seis delitos aos catro polos que xa lle estaba investigando noutra causa.
Como xa fixo noutras ocasións, Formoso rexeitou a posibilidade de dar un paso á fronte e postularse como líder do partido en Galicia. "Estou dedicado ao labor municipal no Concello (das Pontes) e na Deputación, e non concibo ningún outro paso", asegurou.
Neste sentido, asegurou que, ata o congreso, "hai tempo para xerar alternativas interesantes". "O PSdeG ten miles de militantes; presidimos tres deputacións, tamén a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias), e temos máis alcaldes que nunca", destacou.
Mentres non se celebre o congreso en Galicia, mostrouse partidario de enriquecer a xestora, presidida actualmente pola deputada no Congreso Pilar Cancela. "Non achega nada cambiar unha xestora por outra", subliñou unha vez máis, despois de que o PSOE de Vigo propuxese a Ferraz unha xestora galega presidida pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Escribe tu comentario