Arde por completo unha casa e unha cuadra anexa en Carballedo
Outro incendio en Vilardevós (Ourense) destruíu tamén por completo unha palleira.
Un incendio calcinou por completo unha vivenda e unha cuadra anexa na noite do venres no termo municipal de Carballedo (Lugo), pero non houbo persoas feridas.
Ademais, as chamas estendéronse á casa lindeira e afectaron parcialmente ao seu tellado, segundo informou o 112 Galicia, que recibiu o aviso do lume ás 20,00 horas do venres.
En concreto, os feitos tiveron lugar en Vilar de Mulleres, na parroquia de Lobelle. Foi un particular o que contactou co 112 Galicia para alertar da situación.
Por parte da central de emerxencias do 112 informouse os Bombeiros de Chantada e a situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil de varias localidades e da Garda Civil.
O lume quedou sufocado sobre as 23,00 horas da noite do venres e, a pesar dos "cuantiosos danos materiais", ninguén resultou ferido neste incendio.
ARDE UNHA PALLEIRA EN VILARDEVÓS
Un incendio declarado na noite do venres destruíu por completo unha palleira no termo municipal ourensán de Vilardevós, ao calcinar a estrutura e o que había no seu interior.
En concreto, segundo informou o 112 Galicia, as chamas calcinaron a estrutura e todos os apeiros e a herba seca que había no interior da palleira.
O incendio declarouse no lugar de Terroso, no municipio de Vilardevós, e foi unha persoa particular a que alertou ao 112 Galicia ás 23,00 horas do lume.
Por iso, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou os Bombeiros de Verín, a Protección Civil e á Garda Civil.
Escribe tu comentario