Interceptado outro 'kamikaze' na A6 á altura de Guitiriz
Viaxaba en dirección Lugo polo carril que leva á Coruña, e foi interceptado polos axentes de tráfico no quilómetro 535.
Imaxe do vídeo gravado por un particular // CRTVG
A Televisión de Galicia dá conta hoxe dun novo episodio de condución temeraria dun 'kamikaze', como se coñecen os condutores que circulan en dirección contraria nas estradas.
Sucedeu na A6, onde o condutor circulaba dirección Lugo polo carril que leva á Coruña. Foi interceptado polos axentes da Garda Civil no quilómetro 535 á altura de Guitiriz, logo de que un particular filmara o percorrido do coche en sentido oposto e chamase ao 112, que se puxo en contacto con Tráfico inmediatamente e, segundo establece o protocolo, os axentes procederon a activar os paneis de seguridade para alertar ao resto de condutores, informa a TVG.
O condutor 'kamikaze' foi interceptado sen que ocasionase ningún accidente no seu percorrido.
A autoestrada pola que circulaba e o punto no que foi interceptado curiosamente coinciden co caso do 'kamikaze' da A6, acontecido en setembro, e no que faleceran dúas persoas, entre elas o condutor do turismo, de 25 anos, e outra resultara ferida de gravidade. Aquel accidente rexistrárase no quilómetro 546 da A6, en sentido Madrid, ao seu paso polo municipio lucense de Guitiriz, a só 11 quilómetros de distancia de onde tivo lugar a detención deste novo 'kamikaze'.
Un mes máis tarde, o día 19 de outubro, as cámaras de Lavacolla recollían as imaxes doutro vehículo, un Citroën Xantia, circulando en sentido contrario polos carriles da A-54 dirección Lugo. Neste caso o condutor, un mozo de 22 anos, buscou o impacto contra un camión e perdeu a vida.
Falta saber se o episodio de circulación en dirección contraria coñecido hoxe se debeu a un despiste ou a unha maniobra intencionada, coma no caso do kamikaze da A6 ou do mozo de Lavacolla.
Escribe tu comentario