Interveñen 325 litros de licor ilegal que se servía en bares de Bergantiños
A Garda Civil detivo o distribuidor e abriu un expediente aos locais que depacharon as bebidas.
Axentes da Garda Civil interceptaron un total de 325 litros de alcol de procedencia ilícita que se distribuía en locais da zona de Bergantiños (A Coruña).
Segundo informou o corpo, a 'Operación Chupito' iniciouse hai unha semana, cando a Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Vimianzo tivo coñecemento da existencia de partidas de licor que carecían de precintos e marcas fiscais. A investigación levounos a identificar a un distribuidor que operaba na zona de Bergantiños-Soneira e que trataba de evitar os controis fiscais e sanitarios.
Por mor das investigacións practicadas puidéronse intervir diferentes partidas de licor ilegal en establecementos hostaleiros de Laxe, Vimianzo, Cabana de Bergantiños e Ponteceso.
Finalmente, este martes interceptouse ao distribuidor na localidade de Ponteceso, mentres transportaba nun vehículo 36 garrafas de cinco litros, 14 garrafas de tres litros e 68 botellas con colocación indebida de precintos.
Os axentes puxeron a mercadoría a disposición da Aduana da Coruña e abriron un expediente administrativo en contra do distribuidor e daqueles locais que despacharon o produto de maneira ilícita.
Escribe tu comentario