Sancristán abre a porta á substitución de Pilar Cancela
O PSOE da Coruña móstrase disposto a cambiar a presidencia da xestora se hai "compromiso" de convocar congreso.
O secretario provincial do PSOE na Coruña, Xulio Sancristán, manifestou que os socialistas coruñeses están "dispostos a falar de todo, a condición de que haxa un compromiso de que é provisional e que vai ser convocado un congreso inmediatamente".
Este sábado, ao termo da reunión da executiva provincial, Sancristán abriu a porta á posibilidade de substituír a Pilar Cancela á fronte da xestora do PSdeG "a condición de que" se garanta a convocatoria dun congreso para escoller nova executiva autonómica.
Deste xeito, o secretario provincial trasladou que os socialistas coruñeses defenden que "non se debe substituír unha xestora por outra en Galicia", senón que hai que "ir a un congreso que elixa unha executiva permanente" na comunidade, polo que solicitou á dirección estatal a que "deixe" realizar ese conclave.
"Só aceptariamos unha xestora, a actual ampliada. A maioría representámola os que gañamos as primarias. O reflexo desa xestora debe ser esa", manifestou.
Así, Sancristán apuntou que "nas últimas eleccións primarias" a "maioría de militantes" apostaron por "unha determinada opción", polo que cre que a actual xestora é "lexítima". "O único que imos solicitar é que, se se quere ampliar esa xestora, pódese ampliar", remarcou.
NOVA DIRECCIÓN NA XESTORA
Preguntado pola situación da presidenta da xestora, Pilar Cancela; Sancristán cre que "é tan lexítima como calquera outra", xa que saíu "coa executiva que había nese momento constituída no partido" na que "tamén se convidou a Abel Caballero a que entrase e non quixo entrar", asegurou.
"Caballero dixo que non quería saber nada de temas orgánicos e non quixo entrar nin nomear a ninguén como o seu representante nesa xestora", indicou Sancristán.
Por último, negou que mantivese ningún contacto nos últimos días nin co rexedor vigués nin coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; que foi proposta á dirección estatal do partido para substituír a Cancela, unha solicitude impulsada por Caballero e a dirección provincial socialista na provincia pontevedresa.
Escribe tu comentario