O VI Premio Ourensanía recoñece ao produtor de cinema José Sousa
Enxalza o seu papel "imprescindible" na industria cinematográfica venezolana e os valores da emigración ourensá.
José Sousa e Manuel Baltar. //Foto: @ManuelBaltar twitter
O produtor de cinema José Sousa foi galardoado pola Deputación de Ourense co VI Premio Ourensanía, como recoñecemento á súa "longa carreira cinematográfica en Venezuela" e por converterse "nun dos nomes imprescindibles" da industria do cinema no país caribeño.
O xurado tamén aproveitou a concesión deste premio a José Sousa para lembrar a súa muller, Jackeline Salazar, asasinada a finais do pasado mes de agosto tras sufrir un asalto fronte á súa vivenda e enviou unha "mensaxe de solidariedade" á comunidade ourensá que reside en Venezuela.
O premio Ourensanía viaxa na súa sexta edición ata Venezuela despois de que o xurado, baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ditaminase conceder o Premio Ourensanía 2016 a José Sousa, propietario da Produtora Xenon Films.
Na súa acta o xurado recoñece que Sousa converteu a súa empresa nunha das produtoras cinematográficas máis destacadas de Venezuela e destaca que é "un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana".
LONGA CARREIRA VINCULADA Ao SECTOR AUDIOVISUAL
Así, o recoñecemento destaca o traballo de José Sousa a través de centos de producións audiovisuais, curtametraxes, documentais ou anuncios publicitarios realizados ao longo das tres últimas décadas.
Ademais destaca o seu "prestixio como cineasta" coa súa implicación en preto de 40 longametraxes, entre os que se atopan 'El manzano azul', 'Reverón', 'El malquerido' ou 'La casa del fin de los tiempos', que alcanzaron unha gran repercusión entre o público hispanoamericano.
O galardón tamén recoñece en José Sousa a "esa parte da emigración ourensá do outro lado do Atlántico que, sen esquecer xamais as súas orixes, asumiron completamente a súa integración no país de acollida e hoxe en día comparten a súa ourensanía co compromiso vital co seu país de acollida".
O xurado tamén fixo mención explícita á súa esposa Jackeline Salazar, asasinada a finais do pasado mes de agosto, e destacou que sen o seu labor como vicepresidenta de Xenon Films "non sería posible entender" o traballo realizado pola dita produtora.
Con este recoñecemento, o xurado tamén quixo "enviar unha mensaxe de afecto e solidariedade" á comunidade ourensá e galega que reside en Venezuela e é "vítima da descomposición social" do país.
RESCATAR DO SILENCIO DA HISTORIA
Por outra banda, o xurado acordou que a partir desta edición, cada ano se rescate "do silencio da historia" a unha figura singular elixida entre ourensáns xa falecidos coa intención de "devolver" a súa figura á actualidade "polo legado que deixaron tras da súa desaparición".
Así, acordouse que o primeiro personaxe "rescatado do silencio" sexa Rodolfo Prada Chamochín, un emigrante ourensán dos Peares (A Peroxa) que desenvolveu toda a súa actividade profesional e cultural en Buenos Aires polo seu labor como "garante dos principios da ourensanía e do galeguismo na quinta provincia" e por ser "unha figura transcendental na biografía bonaerense de Castelao".
ENTREGA DO GALARDÓN
A entrega do VI Premio Ourensanía terá lugar no Teatro Principal de Ourense este venres 11 de novembro, coincidindo co día de San Martiño, patrón da cidade. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación provincialle entregará ao galardoado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid.
O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Juan Luís Saco, catedrático e intelectual.
Escribe tu comentario