O PPdeG propón investir presidente a Feijóo
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibíu esta mañá os representantes dos grupos na rolda de consultas.
O portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, elevou este venres ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a proposta do seu grupo para que Alberto Núñez Feijóo sexa investido presidente da Xunta tras obter "o respaldo maioritario do pobo galego".
En declaracións aos medios tras unha reunión de apenas media hora, que foi o colofón á rolda de consultas do xefe do Lexislativo autonómico con todos os grupos parlamentarios, Puy Fraga reivindicou a "ampla maioría social" cultivada polo PPdeG nos recentes comicios e a "ampla maioría parlamentaria" na que se traduce.
Con estes argumentos, e co da "estabilidade institucional" que "garante" Feijóo, xustificou a elección de Feijóo como candidato ao debate de investidura, un trámite que o resto dos grupos xa declinaron facer tras avanzar, iso si, o seu voto en contra.
Dito isto, o dirixente popular salientou a "inmensa honra" que supón para el "dar cumprimento a un trámite dos máis importantes" do sistema democrático, como é expor ao responsable da primeira institución de Galicia a proposta do seu grupo dun candidato á Presidencia da Xunta.
"É un acto xurídico e político dos máis importantes", incidiu, non sen sinalar a "normalidade" con que se desenvolveu a reunión con Santalices para "poñer a andar" a X Lexislatura autonómica.
Está previsto que ás 12,30 horas o presidente da Cámara se reúna con Feijóo para comunicarlle que o seu nome é o único que se debaterá na sesión de investidura e para encargarlle que asuma esa responsabilidade. A partir de aí, tal e como comunicou Pedro Puy, faranse públicas as datas nas que se desenvolverá esa sesión plenaria.
Escribe tu comentario