Tres cuartas partes dos emigrados nin pensa en volver a curto prazo
A maioría coincide tamén no seu desexo de regresar, aínda que só sexa de visita, á primeira oportunidade que se lles presente.
Tres cuartas partes dos españois que viven no estranxeiro nin sequera pensa en volver a curto prazo, segundo se reflicte no I informe 'Como viven a distancia os españois que residen no estranxeiro?', presentado este martes, 18 de outubro, pola Fundación Vuelve a Casa-El Almendro, coincidindo co nacemento da entidade.
O documento, no que se analizan os sentimentos e hábitos dos que viven lonxe do fogar tras entrevistar a máis de mil persoas, reflicte que case o 50% dos que decidiron marchar ao estranxeiro se atopaban sen traballo e un 60% deixaron o país sós. Así mesmo, o 87% das persoas que decidiron deixar o país en busca dunha nova oportunidade laboral, atoparon traballo.
Neste sentido, o estudo apunta que máis da metade dos que abandonaron España residían en grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla e que é a partir de 2012 cando se concentra o maior número de persoas que decidiron marchar por motivos laborais, para aprender un idioma ou para vivir unha nova experiencia, nesa orde.
Ademais, o documento sinala que tres de cada catro españois que viven fóra ven cumpridas as súas expectativas e indican que o máis positivo desta experiencia é a mellora da súa carreira profesional e da súa capacidade de aforro. Como aspectos menos positivos, coinciden en que botan de menos ás súas familias e amigos, teñen certa dificultade para adaptarse a unha nova vida e que desexan volver a casa, polo menos de visita, en canto teñan oportunidade.
Igualmente, o informe recolle que o 84% manteñen contacto diario por medio de redes sociais e en canto ás persoas coas que máis contactan a miúdo, atópanse as nais (60%), seguidos polos amigos (14,5%) e os irmáns (10%).
Escribe tu comentario