#Claves de la semana

No PSdeG poñen as barbas a remollo


Cancela asegura que o mandato da xestora do PSdeG "segue vixente", pero os críticos ven a súa situación "insostible".


|

Pilarcancelapsdeg


A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, asegurou que o mandato deste órgano en Galicia "segue vixente" ata que se celebre en Galicia un Congreso e "as correspondentes primarias", pero cargos socialistas críticos coa actual dirección galega ven a situación "insostible" ao considerar que a que foi secretaria de Organización "está en completa minoría".


En declaracións a Europa Press despois de que o Comité Federal do sábado terminase coa dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral, Pilar Cancela rexeitou que a xestora --designada por Ferraz-- deba presentar tamén a súa dimisión nestes momentos dado que "se prorrogou o seu mandato" e ten "un labor concreto", que "é a convocatoria do correspondente congreso galego cunhas primarias previas".


"E iso ocorre unha vez que se convoque o Congreso Federal, tamén cunhas primarias previas. Primeiro renóvase a nivel federal e despois a nivel galego", insistiu a dirixente socialista que considera que "non hai ningunha causa para dimitir" xa que "en momentos así é cando un ten que facer o papel que lle corresponde".


Ademais, sobre o seu apoio a Pedro Sánchez, explicou que en Galicia "hai un posicionamento maioritario das agrupacións e a militancia" a favor de Pedro Sánchez e da postura que mantiña e que defendeu este sábado ante o Comité Federal. 


"Eu, nese sentido, fun consecuente con ese mandato da militancia e entendía que iso --apoiar a Pedro Sánchez-- era o que correspondía. Por tanto, a partir de agora, cada un terá que explicar cal foi o seu posicionamento alí e por que adoptou esa postura", indicou.


SITUACIÓN "INSOSTIBLE"


Pola súa banda, fontes críticas coa dirección do partido en Galicia explicaron a Europa Press que consideran que a presidenta da xestora debería "pensar na súa situación" dado que "está en completa minoría" tras ser "a única integrante da delegación galega socialista no Comité Federal que apoiou a Pedro Sánchez".


"Había xente de todos os sectores galegos, xente que apoiou a Méndez nas primarias, xente que apoiou a Leiceaga..., e a única que discrepou foi ela", indicaron as mesmas fontes que atribúen a postura de Pilar Cancela a unha decisión "persoal".


"A súa situación é insostible", insistiron para considerar que se debe "acabar" con esta tesitura e dar paso a unha etapa na que "unha parte do partido deixe de estar fóra de calquera órgano". "Hai unha parte do partido que non podemos participar porque nin na xestora nin noutras instancias se conta connosco. Este tipo de formas de traballar hai que superalas", indicaron.


Nesta mesma liña pronunciáronse outras fontes socialistas presentes no Comité Federal do sábado. "Cando a presidenta da xestora vai alí e só ela, de toda a delegación galega, vota en contra da xestora estatal... Debería de presentar a dimisión esa mesma noite", manifestaron.


"Urxe que dimita unha presidenta da xestora que perdeu miles de votos nas xerais, que dividiu o partido co cambiazo nas listas das autonómicas avaladas pola militancia e que despois presidiu unha delegación na que o único voto discrepante é o dela", apuntaron.


SITUACIÓN ESTATAL


Ademais, sobre o Comité Federal do sábado, aseguraron que "o que ocorreu non foi un debate político sobre o que algúns din que é a posición do PSOE sobre a gobernabilidade de España". "Onte tentouse atallar a convocatoria dun congreso exprés que poñía por diante intereses persoais aos da maioría dos militantes e cidadáns", indicaron.


Con todo, consideraron que a xestora que agora dirixe ao Partido Socialista a nivel estatal, liderada polo presidente de Asturias, Javier Fernández, "saberá sacar adiante ao partido" e superar a "difícil situación" na que se atopa tras o paso dun secretario xeral que "levaba sete eleccións perdidas".


RECONCILIACIÓN


"Tristeza" foi unha das palabras máis repetidas por membros da delegación galega que este sábado viaxaron a Madrid para acudir ao Comité Federal do PSOE, no que Pedro Sánchez tivo que presentar a súa dimisión tras perder a votación na que se dirimía se o futuro do partido pasaba por un congreso extraordinario ou se unha xestora tomaba as rendas.

Precisamente "tristeza" foi a primeira palabra pronunciada, en declaracións a Europa Press, pola líder da formación na Coruña, Mar Barcón, quen, con todo, expresou tamén a súa "esperanza" en que o PSOE poida "reconciliarse" e superar a súa importante división.

Con esa visión coincidiu tamén o exdiputado pontevedrés Pablo García, quen sinalou que o actual é "o día máis triste" que viviu no seu partido. "É realmente incomprensible chegar a este punto", recalcou, antes de pedir que na nova etapa que hoxe se abre non se reproduzan os "erros" dos últimos tempos.

"Espero que o xestora empece a reconducir a situación", proseguiu, partidario de que as decisións se tomen de forma "máis compartida" e os debates se dean "con máis honestidade" e "sen atallos".

E, tras puntualizar que a decisión tomada este sábado non implica que o PSOE vaia negociar a abstención na investidura de Mariano Rajoy, García incidiu en que agora toca "normalizar" todo o ocorrido. Tamén en Galicia, defendeu, chegou o momento de "retomar a normalidade" na vida orgánica, con comités e congresos.

OUTRAS REACCIÓNS

Aínda que outros cargos da delegación do PSdeG non quixeron facer declaracións, si utilizaron as redes sociais para situarse.

É o caso da exparlamentaria Marisol Soneira, quen criticou "o dano ocasionado á imaxe do partido" tras relatar que viu "chorar" a compañeiros seus no interior do Comité Federal ante o "esperpento", ao seu xuízo, promovido por Pedro Sánchez.

Pola súa banda, o exministro lugués José Blanco utilizou a súa conta de Twitter, pero unicamente para apelar ao "respecto ás normas, ás persoas e ás diferentes opinións" e para revelar que pediu internamente "negociación e diálogo" para evitar que as diferentes interpretacións das normas tivesen como resultado militantes acudindo aos tribunais.

"NOVIDADES EN GALICIA"

Máis aló dos posicionamentos públicos, o que distintos membros do PSdeG que estiveron en Ferraz este sábado esperan é que a partir de agora comecen as "novidades" tamén en Galicia.

De feito, son varios os que puxeron o aviso sobre a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, a única da delegación galega que nos últimos días apoiou publicamente o calendario marcado por Pedro Sánchez.


"TRES OPCIÓNS HORROROSAS"

Pola súa banda, o exsecretario xeral do PSOE en Galicia, Pachi Vázquez, pediu aos seus compañeiros de partido "deixar de contar milongas" e explicar que "hai que elixir entre tres cousas horrorosas": Ir a unhas novas eleccións, tentar formar un Goberno con Podemos, ERC, CDC e Bildu; ou absterse e deixar gobernar a Mariano Rajoy.

"Non fagamos como Pedro Sánchez, digamos a verdade. Non temos fórmulas máxicas, Ciudadanos dixo que non, Coalición Canaria dixo que non. Entón, a xestora e o partido teñen que elixir entre estas tres fórmulas a que sexa a menos traumática para España, a menos traumática para o partido e pensando que ningunha das tres é unha fórmula que guste a ningún socialista", subliñou.

"FOI INNECESARIO"

En declaracións á Cadea COPE, Vázquez cualificou de "trauma" o Comité Federal do PSOE celebrado este sábado, que concluíu coa dimisión de Pedro Sánchez e a súa Executiva e o nomeamento dunha xestora para dirixir o partido. "Foi algo totalmente innecesario. Pedro Sánchez e César Luena sabían o que ía pasar e como estaban as forzas"

O exdirixente galego criticou o uso por parte da recentemente disolta Executiva liderada por Sánchez de "todos os recunchos e recursos dos Estatutos" para "tensionar" o partido ao seu favor e levalo a "unha esquizofrenia política" coa súa "incapacidade para asumir responsabilidades".

"No partido socialista hai unha norma non escrita que é que cando ganas as eleccións as ganas e cando as perdes pérdelas. O que nunca se deu é que alguén que perdeu as eleccións quixese gobernar. Se ti pregúntaslle aos teus votantes despois de perder se queren que gobernes, diranche que claro que queren", apostilou.

"A CONVALECENCIA SERÁ LONGA"

Ademais, mostrouse confiado en que, pese ao "naufraxio do partido" na reunión celebrada onte en Ferraz, esta é "o último tramo do 'Via Crucis' político" no que se viron sumidos os socialistas e asegurou que o PSOE "existía moito antes de que chegase Pedro Sánchez" e "existirá moito despois de que se foi".

Aínda así, advertiu que "a convalecencia será longa" e pediu que o vivido esta semana sexa unha "catarse" que leve á renovación do proxecto socialdemócrata e do "edificio socialista". "Preocuparíame que o meu partido celebre un Congreso unicamente para repartirse uns espazos de poder entre determinadas federacións ou territorios. Espero que tocásemos fondo", manifestou.


relacionada Los críticos imponen una gestora en el PSOE
relacionada Pilar Cancela: "Algúns tentan evitar a votación por todos os medios"
relacionada La gestora del PSOE se reúne hoy para intentar recomponer la unidad
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE