#Claves de la semana

Villares: "Farei unha oposición sen tregua á destrución de dereitos sociais"

Admite que aínda non falou con Pablo Iglesias, e un dos 'alcaldes do cambio', o de Ferrol, móstrase "decepcionado" cos resultados obtidos pola formación.


|

Villaressempreengaliza


O candidato á presidencia da Xunta por En Marea, Luís Villares, afirmou este luns que a formación fará "unha oposición na que non se dea tregua fronte á destrución dos dereitos sociais" e que loitará contra "os recortes" e "o sufrimento" que "as políticas do PP causaron durante estes anos".


Con todo, recoñeceu que, cos resultados das eleccións, "ratificouse unha parte desa política" e que "iso hai que aceptalo". "Pero nós cremos que se poden facer mellor as cousas e pódense dar saídas xustas á crise. Pódense facer mellor as cousas sen causar tanto sufrimento, e nesa clave temos que estar", defendeu.


En canto aos resultados, Villares dixo estar "moi satisfeito" de "conseguir irromper no panorama político galego cunha acumulación de forzas de unidade popular que logrou colocarse á cabeza da oposición como segunda forza parlamentaria", aínda que admitiu que a súa intención era "gobernar, e, nese sentido, a insatisfacción é evidente".


"En Marea é un proxecto que veu para quedar, e eu vin aquí para quedarme co compromiso coa cidadanía de Galicia que nos votou", resumiu.


Neste sentido, o lucense comprometeuse a "construír unha alternativa que dentro de catro anos obteña a confianza da maioría social de Galicia" tras "modelar a idea" da confluencia. "É ao que vimos, a madurar esa idea, a consolidarnos e a velar polos dereitos das maiorías sociais no parlamento", concluíu.


SEN NOTICIAS DE IGLESIAS


Por outra banda, Luís Villares confirmou que aínda non falou con Pablo Iglesias tras o resultado das eleccións autonómicas, que colocaron á súa formación como segunda forza no Parlamento galego, con 14 escanos.


En declaracións a RNE, recollidas por Europa Press, relatou que non falou con Iglesias pero si chamou ao vencedor das eleccións, o 'popular' Alberto Núñez Feijóo, para felicitalo. É máis, expresou o seu "respecto e recoñecemento a unha vitoria clara, sen paliativos".


Segundo dixo, aínda que discrepan no político, a conversación foi cordial e ambos se emprazaron a ter un contacto máis formal para empezar o diálogo parlamentario.


Villares non cre que o enfrontamento interno que se abriu en Podemos pola estratexia do partido impactase negativamente nos resultados de En Marea.


É máis, defendeu que o feito de que finalmente a formación fose un partido instrumental, con participación individual de xente de distintos sitios, "minorizou" ese posible impacto, mentres que se fose unha coalición --como prefería Podemos-- ou "unha situación orgánica con máis debate", talvez si influiría.


JORGE SUÁREZ, "DECEPCIONADO"


O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), mostrou a súa "decepción" polos resultados obtidos por En Marea nas eleccións deste domingo, "ao non lograr" o obxectivo marcado de obter "suficiente número de parlamentarios para, entre todas as forzas da esquerda, representar á maioría social" que "está a ser agredida".


"Non logramos mobilizar á nosa xente e por iso non pode avaliarse como un éxito en ningún dos casos, e por iso estamos bastante decepcionados co resultado, porque Feijóo vai continuar sendo presidente outros catro anos", lamentou Suárez.


O rexedor de Ferrol en Común tamén apelou á "autocrítica necesaria" e continuar "traballando nos procesos de construción deste novo suxeito político" para "buscar unha mellor conexión coa cidadanía" e con "a xente que está a sufrir recortes". "Que vexan en nós unha alternativa e continuar dando pasos para futuras citas electorais", apuntou.


DISPUTAS DO BIPARTITO


Jorge Suárez destacou que, no caso concreto da cidade de Ferrol, "En Marea logrou 7.500 votos, que é un número moi similar ao das anteriores eleccións xerais". "Se o extrapolamos ao ámbito local, e sumados os logrados por PSOE e BNG, continuariamos sendo forza de Goberno, pero é algo que non nos serve de estímulo", subliñou.


O alcalde de Ferrol realizou autocrítica e incidiu na necesidade de "trasladar á cidadanía" o "traballo diario" do goberno "en lugar de mostrar as disputas internas no ámbito do bipartito" ferrolán. "Temos dous anos por diante, sabendo xa que non imos ter a colaboración da Xunta, e, por tanto, temos que crear un bloque sólido e continuar traballando", apostilou.



relacionada ​Iglesias reclama a Sánchez una negociación de "igual a igual"
relacionada ​Villares, sobre o segundo posto: "Vimos para quedar"
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE