Villares, sobre o segundo posto: "Vimos para quedar"
O candidato de En Marea di que a formación "inicia o camiño" para derrotar o PP nas próximas autonómicas de 2020.
Villares valora os resultados. //Foto: @En_Marea twitter
O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, celebrou o segundo posto do partido instrumental en número de votos nas eleccións deste domingo, á vez que manifestou que este 25 de setembro se "inicia o camiño" para derrotar o PP nas próximas autonómicas, que se celebrarían no ano 2020.
Pasadas as 23,00 horas da noite do domingo, o cabeza de cartel do partido instrumental compareceu ante os medios de comunicación e o centenar de persoas que se congregaban na sede de En Marea en Santiago.
Alí, rodeado dalgúns dos membros da candidatura, o histórico dirixente do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, e os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e A Coruña, Xulio Ferreiro, Villares mostrou o seu "recoñecemento" á vitoria do PP de Alberto Núñez Feijóo, así como aos que fixeron "posible que o soño de conseguir un país máis xusto" estea "moito máis próximo".
En Marea conseguiu converterse na segunda forza política en Galicia co 19% dos votos, adiantando ao PSdeG en porcentaxe pero empatando cos socialistas en escanos, ambos con 14.
CUMPRIDOS "DOUS" DOS TRES OBXECTIVOS
Deste xeito, o maxistrado en excedencia indicou que En Marea conseguiu dous dos tres "obxectivos" marcados para esta cita electoral. O primeiro foi "construír unha ferramenta no espazo político" que fose "funcional" e se convertese en "alternativa" para poder "articular" os "desexos" da cidadanía.
Unha primeira meta que Villares cre "plenamente conseguida, non en contra de ninguén, senón a favor de todo o mundo". O segundo propósito alcanzado, segundo o candidato, foi que "todo o mundo volvese votar con ilusión" e cun "sorriso" porque "agora si" se senten "representados" por unha formación política.
"INICIO DUN CAMIÑO"
Por último, Villares avanzou que a terceira das cuestións para lograr, desbancar ao PPdeG da Xunta de Galicia, conseguirase "de aquí a 2020" e que os comicios deste domingo demostran que En Marea é a "alternativa política con capacidade de goberno" en Galicia. "Hoxe representamos a segunda forza e o antagonismo ao PP", remarcou.
"Vimos para quedarmos, para construír e para comprometernos. (En Marea) Vai para longo", manifestou un Villares, que ve neste 25 de setembro o "inicio dun camiño" que desemboca nas próximas eleccións autonómicas, previstas para o ano 2020.
"Somos capaces de construír con toda a forza do mundo e pasar da unidade popular a unha estrutura política que fose útil e eficaz", indicou Villares.
Escribe tu comentario