Denuncian a pasividade de Medio Rural ante a morte de vacas en Santa Comba
A explotación que en marzo reportara a morte de máis de 20 vacas segue a sufrir baixas ante a "pasividade de Medio Rural".
As vacas desta explotación de Santa Comba seguen a morrer misteriosamente sen que se coñezan con exactitude as causas. Desde que no mes de marzo comezaran a minguar as reses desta granxa familiar, por un posible "envelenamento cun produto de uso veterinario", segundo informan desde Arco Iris, as baixas entre os animais son continuas, ata o punto de que dunha explotación de máis de cincuenta vacas, quedan "catro vacas fracas", en palabras do portavoz da organización ecoloxista Arco Iris.
"Medio Rural non foi nin se lle espera", din desde Arco Iris, ao tempo que afirman que a situación é "insostible" e que probablemente o dono da granxa teña que "pechar" pronto, pois os animais seguen falecendo e, tras varios meses intentándoo, aínda non conseguiron que se inicien as xestións precisas para esclarecer a orixe dunha "desgraza" que xa levou por diante a maior parte dos animais da granxa e deixou unha explotación "en plena actividade" na ruina máis absoluta.
O avogado de Arco Iris é o que está asesorando ao gandeiro e levando a cabo as xestións pertinentes para que o ente autonómico se interese e "actúe" en consecuencia. Malia todo, as vacas seguen morrendo "unha tras outra" sen que "ningún responsable da Consellaría aporte solución ou explicación algunha sobre a orixe dos falecementos" ou verta algo de luz sobre "os responsables de semellante atrocidade". Os ecoloxistas denuncian a "deixadez" de Medio Rural con este caso, que na súa opinión "pon en evidencia a realidade actual do campo en Galicia".
"O propietario depende economicamente desta explotación, que era unha granxa importante, e agora probablemente terá que pechar pola falta de interese da Xunta no seu caso", din desde Arco Iris, recalcando que as reses que sobreviven son "poucas" e están "en mal estado de saúde", polo que "morrerán tamén en breve".
O caso saíra á luz en marzo de 2016, cando levantou moita expectación polo número de vacas mortas: ata 23 exemplares. Desde Arco Iris non se atreven a dar cifras, pero din que son moitas máis pois desde aquela seguen morrendo vacas "sen remedio unha tras outra".
Escribe tu comentario