Dez altos cargos da Xunta cesan para ir nas listas do PPdeG
Feijóo rodéase de gran parte do seu Goberno de cara ao 25S. Esta mañá reuniu de forma extraordinaria ao Executivo.
O Consello da Xunta ratificou o cesamento de dez altos cargos do Goberno galego que figuran nas listas do PPdeG para as eleccións autonómicas do 25 de setembro. O Executivo galego celebrou unha reunión extraordinaria na mañá deste luns.
Deste xeito, abandonan o seu posto os delegados da Xunta nas catro provincias --Diego Calvo (A Coruña), Raquel Arias (Lugo), Marisol Díaz (Ourense) e José Manuel Cores Tourís (Pontevedra)--. Calvo e Díaz lideran as listas coruñesa e ourensá, respectivamente; mentres que Arias e Tourís ocupan o postos tres e oito nas candidaturas das súas provincias.
Tamén cesan nas súas funcións o responsable territorial do Goberno galego en Vigo, Ignacio López-Chaves (número once na lista de Pontevedra), o director xeral do Gabinete de Presidencia, Álvaro Pérez López (dez pola Coruña), ou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen ocupa o noveno posto na candidatura pontevedresa.
Así mesmo, o decreto tamén afecta os directores xerales de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; de Administración Local, Alberto Pazos; e de Igualdade, Susana López Abella; que se presentan de número catro por Ourense, 13 por Pontevedra e sete por Lugo, respectivamente.
O pasado venres, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, presentou as candidaturas provinciais dos populares para as eleccións do 25 de setembro, marcadas pola presenza de gran parte dos membros do actual Goberno galego.
Escribe tu comentario