Rotas as negociacións entre En Marea e Podemos
"Non haberá acordo, pois non houbo achegamento con respecto á fórmula de concorrencia", sinala Luís Villares.
Despois de sete horas de reunión entre a En Marea e a dirección estatal de Podemos, non foi posible o acordo e o candidato da confluencia dá por rotas as negociacións. Nun chío en Twitter, Luís Villares recoñeceu que a falta de acordo se debe á que a fórmula de concorrencia foi un obstáculo insalvable.
As negociacións con @ahorapodemos foron cordiais pero non haberá acordo pois non houbo achegamento con respecto á fórmula de concorrencia
— Luís Villares (@VillaresLuis) 12 de agosto de 2016
O propio Luís Villares sinalou na Radio Galega que non vai haber coalición con Podemos e que En Marea xa se inscribiu como partido. No caso de que a formación morada acepte finalmente entrar, extremo descartado polo momento, tería que facelo coma o resto de formacións que compoñen o partido instrumental.
"Non existe acordo, entre outras cousas, porque a dirección política de Podemos demandaba a articulación dunha fórmula de coalición, algo que é unha decisión política que a asemblea do día 30 decidiu que non podía ser". O candidato defendeu a flexibilidade da Marea galega en relación á incorporación de listas, á incorporación de censos e da xente que non estaba dentro de En Marea, non houbo posibilidade de desatascar un dos puntos do conflito que era a coalición electoral".
Polo tanto, dá por "definitiva" a ruptura dun acordo para a inclusión de Podemos en En Marea, aínda que deixou a porta aberta a "unha decisión unilateral da organización a nivel galego de sumarse ao proxecto de En Marea pero non nas condicións que se formularon ata agora".
HAI XENTE DE PODEMOS QUE ESTÁ INCORPORADA
O maxistrado lucense acusou á "dirección política de Podemos" de "non" facer unha "reflexión no mesmo sentido de xenerosidade e traballo colectivo", que el si atribúe ás bases da formación morada.
Con todo, Villares indicou que "unha parte importante da xente de Podemos xa está incorporada e traballando dentro das mareas municipais", nun proceso en que, desde a celebración da asamble constituínte de En Marea e este venres "dobrouse o número de inscritos".
"Isto quere dicir que houbo unha incorporación significativa de xente desde o ámbito de Podemos. Os únicos que non fixeron unha reflexión no mesmo sentido, de xenerosidade e traballo colectivo foi a dirección política, pero si a organización", insistiu.
Escribe tu comentario