Os Bombeiros comarcais aparcan a folga e garanten o reforzo da loita contra o lume
Os sindicatos manifestan que o persoal acudirá aos postos de traballo cando sexan requeridos para "estar á altura" nesta "situación excepcional".
A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia mostrou a súa preocupación por que se repitan os episodios vividos coa vaga de incendios do verán de 2006; polo que pediu aos bombeiros dos parques comarcais que se atopan en folga que, debido á "situación excepcional", acudan aos seus postos de traballo "sempre que sexan requiridos".
Segundo informou a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia nun comunicado, este mércores reuníronse de forma extraordinaria os membros deste organismo --formado por UGT, CIG, CC.OO. e o Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia (SIB-GAL)-- para analizar a vaga de incendios iniciada nos últimos días na comunidade galega.
Deste xeito, pediu aos bombeiros que se atopan en folga nos parques comarcais que "acudan aos seus postos de traballo sempre que sexan requiridos durante o seu tempo libre" para reforzar as "reducidas quendas" que viven certos parques de bombeiros de Galicia.
A folga, iniciada hai dous anos, é en protesta por "o incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia" por parte da Xunta, aínda que o comité de folga reunido este mércores determinou que a "situación excepcional" esixe que "se deixen de lado certas actitudes e se faga todo canto se poida por colaborar" na redución dos efectos dos lumes forestais.
Con todo, desde a Mesa expresaron que os efectivos "atenderán aos chamamentos feitos pola Administración a través das empresas concesionarias" a pesar de "non estar obrigados a facelo" por atoparse en folga.
Por tanto, pide á Administración que "conte" con este ofrecemento e coa "forza deste colectivo" que "sempre soubo estar á altura".
Escribe tu comentario