Os bombeiros marchan contra a "atrocidade" dos parques privados
Critican a postura do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o único que "manifestou a súa clara e rotunda intención de continuar adiante cun modelo de xestión privada"
(foto: Podemos Ourense)
Máis de 500 bombeiros de toda Galicia e Castela e León manifestáronse hoxe en Ourense, protestando ante o rexeitamento do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (PP), para rescatar as concesionarias privadas dos parques provinciais facéndoos públicos.
O presidente da Coordinadora Unitaria de bombeiros profesionais de España, David Ferreiro, cualificou a situación dos parques de bombeiros galegos como "unha atrocidade" e unha "vergoña" para o cidadán.
Decidiron centrar a súa protesta na cidade de Ourense, xa que o resto dos presidentes provinciais (todos socialistas), mostraron a súa "vontade" para rescatar as concesións a pesar dos "condicionantes que está a poñer a Xunta de Galicia".
O portavoz da mesa intersindical de bombeiros de Galicia, José Luis Parella, contrapuxo esta áctitude á de Manuel Baltar, que "manifestou a súa clara e rotunda intención de continuar adiante cun modelo de xestión privada", converténdose na "única Deputación" en contra de facer públicos os parques.
APOIO DE TODOS Os BOMBEIROS DE ESPAÑA
David Ferreiro, trasladouse á fronte dunha delegación de bombeiros chegados desde o parque de Palencia "como apoio de todos os bombeiros de España".
O responsable nacional dos bombeiros valorou que aínda que nalgunhas comunidades autónomas hai "un sistema parecido", a situación en territorio galego "é o máis grave que vimos ata agora", dixo. "O que vemos aquí é unha atrocidade. É o reflexo de como se engana aos cidadáns día a día, porque este ten que ser un servizo público" e en Galicia "a metade dos bombeiros dependen de empresas privadas", concluíu.
Pola súa banda, Miguel Uclés, presidente de Plataforma de bombeiros públicos de Galicia considerou que "é necesario que en Ourense entendan que só hai un modelo, de xestión pública". "É o que viñemos a dicir aquí a Manuel Baltar", aseverou.
PERIGOS DA PRIVATIZACIÓN
Os bombeiros denuncian que a xestión indirecta inflúe tanto "na seguridade" dos traballadores como dos cidadáns, xa que alertan de falta de persoal, mentres se inviste con todo en medios materiais "sobredimensionados", "chegando a ter máis vehículos que persoal de quenda".
Parella asegura que unha xestión directa poderíase aforrar un 30%, o cal se podería destinar a paliar a falta de persoal e mellorar o servizo. En concreto, os parques estarían exentos de abonar o 21% do IVE, ao que se suma o 10% de beneficios da empresa.
Tamén sinala Parella que mentres os parques de bombeiros estean en mans privadas atopan "un impedimento enorme" para que se cumpra a lei no tocante a sacar adiante un estatuto de bombeiros que regule a este colectivo.
Escribe tu comentario