Universitarios de Vigo ultiman a montaxe dun monopraza de competición
Só nos materiais tiveron que investir 70.000 euros. Contaron co apoio de preto de 50 patrocinadores do tecido industrial da cidade
Comezou a conta atrás para a presentación do UM16, o monopraza co que o equipo UVigo Motorsport competirá o vindeiro mes de agosto na República Checa e en Barcelona. O primeiro equipo de Formula Student de Galicia volverá por segundo ano consecutivo aos circuítos, desta volta cun monopraza, o UM16, que introduce importantes novidades respecto do seu antecesor, o UM15, co que en 2015 competiron en Silverstone, Hockenheim e Montmeló, acadando unha boa clasificación e varios premios individuais.
“Está a ser un traballo moi duro, xa que pasamos das etapas de deseño á fabricación en pouco tempo e nun prazo moi axustado, pero o resultado está a ser excelente”, explica Pedro Cuesta, responsable do Departamento de Marketing e Comunicación, que confirma, coa vista posta na data de presentación do vehículo o vindeiro 28 de xullo, que unicamente resta por rematar o difusor, instalar os aleróns e a montaxe de varias pezas.
Dos 23 estudantes de diferente ramas de Enxeñaría Industrial cos que se iniciou o proxecto este ano, rematan 18, proba da complexidade de compatibilizar estudos e traballo ao longo dos meses. Esta vintena de estudantes son os encargados e encargadas de abranguer todos os aspectos do proxecto, desde a investigación e o deseño, pasando pola fabricación e realización de probas, ata a xestión do traballo en equipo e a económica, así como a dirección de marketing.
Da experiencia atesourada na súa primeira participación en Formula Student xorden as novidades que, respecto do seu antecesor o UM15, presenta o monopraza desenvolvido nos últimos meses. “Substituíuse o chasis de aceiro tubular por un monocasco de fibra de carbono, mellorando a resistencia do fórmula e reducindo o seu peso de xeito significativo. A isto engádese a inclusión de aleróns dianteiro e traseiro, así como dun difusor, que mellorará o comportamento do monopraza e permitirá obter máis puntuación nas probas de deseño, por mor da alta complexidade destes compoñentes”, explican os e as integrantes do equipo, que tamén destacan a redución do peso en 30 quilos, ata situarse en 180 e a mellora do sistema electrónico, engadindo novas funcións, como o acelerador electrónico e a inclusión dun armario de control externo, o que supón unha novidade na competición.
70.000 euros, só en materiais
Arredor de 50 patrocinadores de diferentes sectores colaboraron con UVigo Motorsport para facer realidade un monopraza que acada un custo de 70.000 euros, só en materiais, “sen ter en conta a nosa man de obra, así como a predisposición dos patrocinadores, que fixeron isto posible”, explica Pedro Cuesta, que tamén agradece o apoio incondicional da Escola de Enxeñaría Industrial e da Universidade de Vigo “á que estamos moi orgullosos de representar e estender a súa marca”. Os e as integrantes do equipo tamén recoñecen a importancia de contar co apoio do tecido industrial da cidade de Vigo, “sen o que non sería posible a fabricación do monopraza, fundamentalmente realizado en empresas locais”.
Trala presentación da vindeira semana na Escola de Enxeñaría Industrial no campus cidade, do 3 ao 6 de agosto celebrarase a primeira das competicións no Autodrom Most da República Checa, onde o equipo viaxará en avión, mentres o monopraza o fará por estrada transportado nun camión da firma Marcotrans, novo patrocinador do equipo. Do 25 ao 28 de agosto a cita será en Montmeló, Barcelona, onde os e as integrantes de UVigo Motorsport viaxará en coche e o monopraza de novo en camión. “Acudimos con altas expectativas, xa que pretendemos asaltar a parte alta da clasificación, así como quedar como mellor equipo español na competición, obxectivos ambiciosos, para un proxecto ambicioso, que esperamos que se cumpra”, explica Cuesta.
Escribe tu comentario