A USC convoca dúas bolsas para estudantes refuxiados
Terán cubertos os gastos de matrícula, unha asignación mensual para manutención e aloxamento gratuíto nunha residencia.
A USC convoca dúas bolsas para estudantes que estivesen matriculados o curso pasado e que posúan a condición de refuxiado/a en España. Son bolsas para un período de 12 meses orientadas a apoiar que continúen os seus estudos universitarios na USC.
As persoas beneficiarias terán cubertos os gastos de matrícula para o curso 2016-2017, unha asignación mensual para gastos de manutención, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias, financiamento para dous cursos semestrais de español no Centro de Linguas Modernas e unha estadía en prácticas durante os meses de xullo e agosto de 2017 no Servizo de Relacións Exteriores da USC.
Á convocatoria poderán concorrer as persoas recoñecidas co estatuto de refuxiado en España matriculadas en estudos de grao ou máster durante este curso e en condicións de continualos no próximo.. As persoas interesadas poden consultar os detalles da convocatoria na web do Servizo de Relacións Exteriores.
Con esta convocatoria, a USC a través da Vicerreitoría de Internacionalización asume o compromiso acadado polas universidades españolas en setembro de 2015 para facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado en forma de colaboración directa ou a través de accións de voluntariado ou colaboración con outras administracións e axentes.
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 3 de agosto.
Escribe tu comentario