Os inspectores farmacéuticos irán á folga ante os “graves riscos” aos que está exposta a saúde pública
Piden máis persoal e material para evitar casos como o da intoxicación masiva de menores no Salnés
Os inspectores farmacéuticos de saúde pública en Galicia comezarán unha folga indefinida o vindeiro 18 de maio, a non ser que a Xunta abra as negociacións para aumentar os medios deste corpo, que naceu en 2006 con 100 prazas e que a día de hoxe só ten cubertas 62 para “máis de 9000 establecementos”.
Os inspectores denuncian que a falta de persoal e de material expón á poboación galega a “graves riscos” de saúde pública, que se acentúan coa chegada do verán. Dende casos de legionelosis, abastecementos que suministran auga non apta, zonas de baño contaminadas, fontes de traídas sen ningún tipo de tipo de análise sanitario….
Javier González, voceiro dos inspectores, sinala que cos efectivos actuais non é posible manter un ritmo adecuado de inspeccións. De feito, denuncia que “a saúde pública descansa polas tardes e os fines de semana”, xa que non hai ningún inspector de garda para cubrir unha eventual emerxencia.
Reclaman medios cos que segundo indican se poderían evitar “crises sanitarias como os brotes de legionelosis en Lugo ou a recente intoxicación do Salnés”.
Emilio Doforno (CCOO) indica que estas alarmas recentes “son a punta de iceberg” dun perigo real, por iso ve necesaria a convocatoria de folga indefinida a partir do 18 de maio. Pola súa banda, Rocío Salgado (CSIF) asegura que desatendendo a este colectivo de traballadores a Xunta está “recortando en sanidade e saúde pública”, deixando sen recursos a profesionais que como os médicos e os enfermeiros tamén “están encargados de velar pola nosa saúde”.
Escribe tu comentario