O bloque non consigue arriar a bandeira europea do Parlamento
Os nacionalistas propuxeron este xesto como protesta á política da UE cos refuxiados, pero atoparon a oposición do PP e do PSdeG
O BNG propuxo formalmente arriar a bandeira europea do Parlamento de Galicia, como xa fixo en Pontevedra, como xesto de protesta pola política de devolución de inmigrantes da Unión Europea. Os nacionalistas conseguiron o apoio de AGE e do Grupo Mixto, pero finalmente a bandeira permanecerá no seu lugar debido á oposición do PP e do PSdeG.
O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, indicou que se propuxo como "un xesto simbólico" fronte "a un acordo que atenta contra os dereitos humanos" e ante o que o Parlamento "non pode ser indiferente". Na mesma liña expresouse o vicevoceiro da AGE, Antón Sánchez, que falou dun xesto de protesta simbólica contra "decisións criminais que todos os días provocan a morte de nenos e nenas que non teñen a culpa de nada".
Pero estes argumentos non conseguiron convencer ao resto dos grupos. Para a vicevoceira do PSdeG, Carmen Gallego, o "prioritario" na Cámara autonómica é, ao seu xuízo, lograr unha declaración institucional contra unha decisión que "vai en contra dos dereitos fundamentais e en contra dos dereitos humanos, impedindo o asilo a miles de refuxiados que están a fuxir dunha guerra". Aínda así, non apoia que se retire a bandera para "non confundir as institucións co que son os seus gobernos".
No caso dos populares a vicevoceira Cristina Romeu deixou claro que o PP estaba en contra de arriar a bandeira, defendendo o "acordo sensato e razoable" ao que se chegou o pasado venres. Acusou a "determinados grupos nacionalistas" de facer "demagoxia", porque por unha banda "están arriando a bandeira e, por outra, poñen as súas dúas mans para recibir investimentos de Europa para as cidades onde gobernan".
Escribe tu comentario