Cerdedo e Cotobade queren preguntarlle aos veciños pola fusión
Acaban de solicitarlle á Xunta un informe xurídico que determine a posibilidade de celebrar consultas populares en ambos municipios.
Os concellos de Cotobade e Cerdedo queren preguntarlle aos veciños sobre o seu proceso de fusión, por iso acaban de solicitarlle á Xunta un informe xurídico que determine a posibilidade de celebrar consultas populares en ambos municipios.
O alcalde de Cotobade, reivindica o "proceso participativo" no que quere convertir o proceso. "Asegúrovos que non estamos a pensar nas próximas eleccións, porque, si así fóra, non estariamos a iniciar este proceso. Estamos a pensar nas próximas xeracións", sentenciou.
Paralelamente, Cubela confirmou que continuará con todo o proceso de información veciñal posto en marcha en cada unha das parroquias de ambos os municipios e con todos os colectivos. "Ninguén nos pode acusar de escurantismo", asegurou o rexedor.
Mentres tanto, a fusión segue coa súa tramitación coa apertura do período de exposición pública, que está dispoñible para a presentación de alegacións.
Na Casa Consistorial de Cotobade tamén compareceron en rolda de prensa os representantes da Plataforma 'Non á fusión Cerdedo-Cotobade', que valoraron a iniciativa dos alcaldes de expor unha consulta popular.
"Parécenos ben a consulta da que falou Jorge Cubela", dixeron, aínda que sinalaron que antes esixen que se informe aos veciños "con estudos de verdade e auditorias externas" sobre a "situación real" dos concellos, "e non con folletos". "Os veciños merecemos saber toda a verdade antes de votar algo tan importante", aseguraron.
Escribe tu comentario