O BNG busca a forma de "retexer" o nacionalismo
Arranca a XV Asamblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego, unha cita clave na que se debate o alcance da renovación do partido e a estratexia para as vindeiras eleccións
O Bloque Nacionalista Galego afronta este domingo unha cita decisiva, cunha Asamblea Nacional clave para o futuro da formación. Sobre a mesa está o contido e alcance da refundación que segundo varios dirixentes precisa o partido, ademais da estratexia para as vindeiras eleccións autonómicas.
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, non repite como candidato. Pero aínda así foi o encargado de abrir a Asamblea, chamando a "retexer" o nacionalismo nunha única sigla, cunha "única lealdade e unha única dirección". Aínda así, aboga por una "alianza táctica" nas eleccións galegas para "derrotar a hexemonía do PP".
Xavier Vence apelou a superar a "fragmentación" que caracterizou ao nacionalismo ao longo da súa historia, antes da fundación do BNG en 1982 e despois da asemblea de Amio de 2012, tras a cal se produciron as grandes escisións na organización frontista.
"Aquí falta moito nacionalista", proclamou Xavier Vence, quen incidiu en que o nacionalismo necesita "a flexibilidade dun xunco". Así, manifestou que hai que "buscar apoios" como fan os mariñeiros, que "van á marea: hai que botar as redes onde hai peixe", con "refundación e alianzas".
En canto á refundación, Vence advertiu de que non se pode quedar en "repintar" a organización. "Necesitamos atraer nova xente, novas formas para ampliar o proxecto. Máis que siglas, xente", salientou o portavoz nacional saínte, quen defendeu que "hai que combater a idea de que o nacionalismo é un asunto identitario".
"Derrotar ao PP é a prioridade en 2016, para frear o desastre económico-social e a laminación do autogoberno, para elevar a conciencia nacional e avanzar cara á soberanía. Temos unha oportunidade única e temos que ser os primeiros en mover ficha para conseguilo", remarcou.
Vence asegurou que é unha cuestión de "patriotismo e responsabilidade" co país, pero tamén co "propio proxecto" nacionalista. "2016 é un ano crave e temos que acertar", aseverou o portavoz nacional saínte, quen dixo que foi unha "honra" estar á fronte da organización nacionalista durante estes tres anos.
Escribe tu comentario