A CIG denuncia "represión" e "despedimentos" na empresa Esco Expansión
Aseguran que se produciron despedimentos "disciplinarios" ante as reclamacións de certos dereitos laborais por parte da CIG
A CIG denunciou "represión" e "despedimentos" na empresa Esco Expansión S.L., dedicada a actividades de xestión de cobros e na que os principais clientes son entidades bancarias, segundo precisou o propio sindicato nun comunicado.
Esta empresa, segundo indicou a central sindical, conta cunha delegación en Lugo na que traballan "máis de 50 traballadores", ademais de contar con delegacións en Barcelona, Valencia e A Coruña. En concreto, ten un cadro de persoal de "máis de 500 traballadores".
O pasado día 3 de febreiro, segundo relatou a CIG, a compañía realizou "sete despedimentos disciplinarios", concretamente "todos traballadores que xa levaban anos na empresa".
"O motivo alegado exactamente igual para todas e todos eles foi diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado", precisou o sindicato.
A este respecto, a CIG subliñou que, "sarcásticamente", algúns dos despedidos "fosen recoñecidos horas antes polos seus resultados obtidos". "Evidentemente, o motivo alegado é totalmente falso, o motivo non é ese, senón que ten outra intencionalidade claramente sindical", opinou o sindicato.
Así, sosteñen que os despedimentos se producen despois de que dende a representación sindical da CIG na empresa, "se expuxeran varias reivindicacións laborais por incumprir o establecido no Convenio de Oficinas e Despachos de Lugo, que supoñerían sobre 150 euros mensuais por traballador".
Ao non ser estas reivindicacións atendidas pola empresa, segundo trasladou o sindicato, este convocou unha asemblea de traballadores o pasado luns 1 de febreiro para informar da situación desas reclamacións efectuadas e para "decidir e acordar o inicio dun conflito colectivo vía xudicial".
"Na propia asemblea, representantes da empresa manifestaron que reclamar pola vía xudicial traería consecuencias e que a empresa ía adoptar medidas para frear as reivindicacións", explicou a CIG, xusto antes de precisar que "dous días despois" da asemblea producíronse os sete despedimentos "selectivos".
De feito, a CIG indicou que estas sete persoas eran "algúns dos traballadores máis activos na defensa dos seus dereitos e máis afíns ás posicións de representación da CIG".
Deste xeito, esta central sindical considera que esta actuación "hai que enmarcala claramente como Lei Mordaza", pois entende que "ten un móbil discriminatorio e de represión e vulneración dos dereitos fundamentais".
"Cunha clarísima intencionalidade sindical, que busca cortar de raíz calquera reclamación laboral e instaurar na empresa un clima de medo para ter sometidos aos traballadores", subliñou a CIG.
Por iso, o sindicato vai solicitar á empresa a "readmisión" dos empregados despedidos, ademais de "adoptar as medidas xudiciais oportunas".
Escribe tu comentario