Feijóo non comparecerá para explicar a súa relación co "conseguidor" Pachi Lucas
O PPdG vetou a comparecencia parlamentaria solicitada polo PSdeG e polo BNG para que o presidente da Xunta dése conta da súa amizade co investigado por tráfico de influencias no marco da Operación Zeta. Aínda así, Feijóo deberá responder a unha pregunta dos socialistas sobre este tema.
O presidente da Xunta non comparecerá no primeiro pleno parlamentario do ano para explicar a súa relación de amizade co "conseguidor" Pachi Lucas, investigado pola presunta fraude nos cursos de formación que investiga a 'Operación Zeta'.
Como xa fixo en varias ocasións, grazas ao rodillo parlamentario que lle da a súa maioría absoluta no Parlamento, o PPdG encargouse de vetar unha comparecencia solicitada polo PSdG e polo BNG, asegurando que non entrarían no xogo non demasiado limpo da oposición, que segundo o voceiro Pedro Puy tan só intenta enturbiar o ambiente político.
Unha decisión que non foi ben acollida na outra beira da mesa. O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, denuncia que os mecanismos de control non están funcionando no "escándalo" dos cursos de formación. Mantén que estamos ante "unha trama de financiamento ilegal coa conivencia de responsables da Xunta e do Partido popular" e asegura que Feijóo non pode dar "a calada por resposta" xa que Pachi Lucas é unha persoa do seu "círculo íntimo".
Do mesmo xeito, o voceiro dos socialistas, Xosé Luis Méndez Romeu, asegurou que os galegos levaban trece meses agardando polas explicacións do presidente. Ante o veto dos populares, o PSdG preguntaralle directamente polo asunto a Feijóo durante a próxima sesión de control parlamentaria.
Non será a primeira vez que os socialistas lle pregunteu a Feijóo pola 'Operación Zeta', o propio Méndez Romeu levou o tema ao Parlamento en decembro de 2014. Agora, 13 meses despois, o socialista afirma que lle causa "vergonza allea" a resposta do presidente naquela ocasión, xa que no diario de sesións só se recollen "denuestos, descalificacións, etc". "De todo menos o fondo da cuestión. Agora temos unha investigación formal e de novo lle volvemos a preguntar".
O "CONSEGUIDOR" PACHI LUCAS
O empresario madrileño afincado en Galicia, Pachi Lucas, pertence ao círculo de amizades do principal procesado na 'Operación Zeta’, Gerardo Crespo, que chegou a cualificalo como “o abrelatas” ou “o conseguidor” polos seus contactos na Xunta. O empresario é tamén amigo do presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy.
A amizade entre Núñez Feijóo e Pachi Lucas iniciouse cando o actual presidente da Xunta formaba parte do equipo de José María Aznar en Madrid, como secretario xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo e presidente do Insalud entre 1996 e 2000.
Pachi Lucas forma parte do núcleo duro do PP de Pontevedra, no que tamén hai investigados como Rafael Louzán, expresidente da Deputación de Pontevedra, e agora máximo responsable da Federación Galega de Fútbol.
Escribe tu comentario