Seoane no Marco de Vigo, Granell na Seoane da Coruña
Unha exposición sobre Seoane estará aberta ate o 27 de setembro no Marco de Vigo coproducida pola fundación do artista na Coruña. A Fundación Luís Seoane abrirá este 19 de xuño unha mostra dedicada a Eugenio Granell, na Coruña.
O intercambio entre centros de arte do país provoca nesta primavera dúas producións retrospectivas sobre obras dos artistas Luís Seoane e Eugenio Granell cunha feitura singular, están promovidas desde as súas propias fundacións mais ábrense noutros espazos expositivos do país, a de Seoane no Marco e a de Granell na Luís Seoane da Coruña.
“Luis Seoane. Retrato de esguello”, comisariada por David Barro e coproducida polo MARCO e a Fundación Luis Seoane ofrece unha visión retrospectiva da obra dun autor con múltiples facetas, desde ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico e industrial, narrador, poeta, escenógrafo ou ensaísta entre outras moitas.
A obra estará aberta en Vigo até o 27 de setembro e itinerará logo ao Museo de Lugo, á Fundación Granell de Santiago e ao Centro Torrente Ballester para recalar en 2016 na Fundación Luis Seoane e outros espazos da Coruña.
"O regreso dos amantes"
Pola súa parte “Eugenio Granell, o regreso dos amantes” abrirá o 19 de xuño na Fundación Luís Seoane, comisariada por Eduardo López Valiña, da Fundación Eugenio Granell. A mostra recolle distintas obras que nos achegan á biografía e traxectoria artística de Granell e conmemoran o vinte aniversario da fundación con sede na compostelá praza do Toural ademais do vínculo do artista coa Coruña onde naceu en 1912, cidade na que tamén se desenvolveu a primeira exposición no regreso do exilio en 1986.
A exposición componse de pinturas. collages, debuxos, fotografías, obra cinematográfica, libros e unha selección de obxectos e documentos de arquivo pertencentes ás distintas coleccións do Museo Fundación Eugenio Granell.
Escribe tu comentario