Podemos Galicia pide a dimisión da edil de Cangas condenada por un despedimento
Tania Castro vén de ser condenada a indemnizar un empregado que foi despedido de forma improcedente e que cobraba un salario inferior ao que lle correspondía.
Un centenar de membros de Podemos Galicia pediron que a responsable de Territorio da formación e edil de Cangas (Pontevedra) condenada polo despedimento improcedente dun traballador, Tania Castro, dimita con "efecto inmediato" do seu cargo na organización morada.
Nun comunicado remitido aos medios este venres, os asinantes mostran o seu "máis enérxica repulsa" a que Tania Castro continúe no seu cargo en Podemos Galicia despois de coñecerse a sentenza que a condena a indemnizar a un empregado ao considerar que foi obxecto dun despedimento improcedente e que cobraba un salario por baixo do que lle correspondía.
"O noso silencio non sería senón mostra da nosa complicidade ao estilo da vella política", sinalan no comunicado no que critican o "inmobilismo" da edil de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE).
Entre outras persoas, asinan o documento o exsenador José García Buitrón; os deputados autonómicos de En Marea Luca Chao, Marcos Cal Ogando e Paula Quinteiro; a deputada no Congreso Ángela Rodríguez; así como os membros do Consello Cidadán Galego (CCG) Verónica Hermida, Sigrid Campo, José Manuel Pérez ou Xabier Sánchez Lombardelo, entre outros.
A concelleira deféndese a través do seu Twitter dicindo que perdeu o pleito porque "non soubo defenderse" e non podía permitirse recurrir porque non tiña diñeiro abondo para "pagar as taxas".
@LeandroGado25 pic.twitter.com/42jhjDp8Ax
— Tania Castro (@Tania_Castro_) 7 de enero de 2017
Escribe tu comentario