Non se me asusten porque os fans de Nostradamus xurdiron como cogomelos durante esta entrada de primeiro de ano para conectarnos co mais alá en busca das catástrofes, que nin o mesmo Michel de Nôtre-Dáme sabe que deixou escritas nas súas famosas cuartetas apocalípticas.
E é que coa chegada dos Reis Meigos, cada un dos fabricantes de camelos advírtenos, unhas veces de guerras apocalípticas, outras da caída dos imperios mundanos, as máis, de asasinatos de políticos e papas e finalmente de terremotos e accidentes aéreos que, a ninguén se lle escapa, son encaixes "oportunos" dos Expertos actuais, en nome dun visionario intelixente, que soubo gañarse na súa época un prestixio de vidente que o levou a poñerlle data á fin do noso mundo alá polo 3.797 e rematar así a súa obra mestra.
O malo de todo este aluvión de malas noticias é que a Nostradamus non se lle ocorrese advertirnos sobre esta praga de aves de mal agoiro que asustan inmisericordemente desde a súa morte, ás persoas máis inocentes, coma se a vida mesma, non tivese, xa de seu, suficientes malas noticias, como para vivir permanentemente cun 'ai' na garganta por culpa da pésima xestión que fai o ser humano da súa propia existencia.
Este ano, síntoo polo meu Papa favorito, o xesuíta Francisco, ao que xa dan por morto, porque os "feiticeiros da Tribo" din que o vidente francés de orixe xudía o deixou escrito, algo, que se sucede, espero que non, terá unha explicación natural dada a avanzada idade do arxentino, aínda que nese sentido quen ten máis números é o seu antecesor o papa emérito Benedicto que ten máis anos e a saúde máis delicada. Sexa o que sexa, iso non é unha profecía, senón un "comecocos" lamentable para xente tan pouco crédula como un servidor.
O que pase, pasará e a súa lóxica, está no devir do tempo, que unhas veces é inexorable cunhas persoas e, noutras, con aqueles que non o esperan. E nesa roda da fortuna si que entramos todos.
E logo, hai cousas que se poden adiviñar a pouco que se aplique o sentido común. Por exemplo Vds. cren que o que vai ser Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, vai comportarse como unha irmanciña dos pobres, despois do que anunciou na súa campaña electoral? Pois témome que non. E claro, con esa perspectiva por diante, sería de necios, supoñer que, neste planeta, imos ter tranquilidade e acougo durante os catro anos que dure o seu mandato. Pero, claro, iso xa o deixou escrito o bo de Nostradamus. Faltaría máis!
Así que esquézanse do moi ilustre personaxe e non pensen no que vai sucedernos, senón, tan só, nos momentos felices que lles esperan á beira das súas familias durante o novísimo 2017, e sobre todo, o como poden facer algunha cousa para que algún dos seus semellantes sexa máis ditoso este ano. O demais son ganas de amolar ao próximo con historias para non durmir, como facía con singular pericia o mestre Narciso Ibáñez Serrador e o seu pai o gran Ibáñez Menta.
Escribe tu comentario