Os ingresos dos fogares galegos non chegan a 2.000 euros ao mes
De media, subiron só 15 euros con respecto a un ano antes. Máis da metade das familias vense en dificultades económicas para rematar o mes.
O ingreso medio mensual por fogar en Galicia creceu en 2015 ata os 1.930 euros, aumentando en 15 euros con respecto a 2014, cando o ingreso medio mensual por fogar situábase nos 1.915 euros.
Segundo os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE), a tipoloxía do fogar máis habitual en Galicia é a dun fogar conformado por unha parella con fillos (33,19%), que crece lixeiramente respecto ao ano anterior (32,97%).
A segunda tipoloxía máis frecuente é a dun fogar cunha parella sen fillos (23,18%), que diminúe sobre o ano anterior (23,61%); mentres que os fogares unipersoais tamén aumentan, pasando do 20,97% en 2014 ao 21,66 en 2015.
Ademais, o 76,57% dos fogares galegos están compostos exclusivamente por persoas maiores de 16 anos. Esta porcentaxe redúcese respecto ao ano anterior, no que o 76,77% dos fogares de Galicia non había persoas menores de 16 anos.
Así mesmo, a enquisa revela que o número de fogares que chega con dificultade económica a final de mes baixou 5,2 puntos nun ano, pero sitúase no 52,68%. En concreto, a porcentaxe de fogares que chegan a fin de mes con dificultades reduciuse en 3,99 puntos, mentres que os que declaran facelo con moita dificultade tamén baixou en 1,2.
Escribe tu comentario