#Claves de la semana

Xulio Ferreiro non descarta unha cuestión de confianza tras seren rexeitados os orzamentos

O rexedor dáse "uns días" para negociar cos socialistas as contas e a "relación" con esta formación. 


|

Plenocoruna


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, non descartou a posible presentación dunha cuestión de confianza despois de que PP e PSOE votasen en contra á aprobación inicial do orzamento para 2017. Con todo, o rexedor deuse "uns días" para negociar cos socialistas as contas municipais, así como a "relación" nestas negociacións co PSOE.


En declaracións aos xornalistas, tras un pleno no que se presentou unha emenda transaccionada da Marea Atlántica e o BNG, Ferreiro lamentou a "votación conxunta" de PP e PSOE en contra dos orzamentos. Así, considerou que, na sesión plenaria, BNG e Marea Atlántica estiveron "ao lado da cidade" fronte a dúas formacións -PP e PSOE- que, na súa opinión, apoiaron "o bloqueo".


"Chámame a atención que o PSOE se coloque ao lado do PP", apostilou Ferreiro sobre o ocorrido no pleno onde ambas as formacións criticaron a xestión da Marea Atlántica. A pesar diso, dixo que a súa vontade é iniciar unha negociación co PSOE para "antepoñer os intereses da cidade"


Para estas negociacións cos socialistas, deu un prazo de "uns días", -"unha ou dúas semanas", precisou-, para tentar chegar a un acordo. En caso contrario, asegurou que non lle "asusta" a cuestión de confianza. "Se non é factible -dixo sobre un posible acordo co PSOE- non nos imos a enredar", engadiu.


PRÓRROGA DAS CONTAS


Por outra banda, avanzou que este venres aprobarán a prórroga do orzamento actual, ao que dixo que se incorporarán "10 millóns de euros de investimento e outros tantos que se poderían incorporar o próximo mes".


"As licitacións non se paran", expuxo o alcalde, quen avanzou tamén a súa vontade de levar a xaneiro os convenios con entidades para que perciban as axudas previstas.


ORZAMENTO DE 2017


Antes no pleno, na presentación da súa proposta de orzamento, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, agradeceu a "vontade de diálogo" do BNG, mentres que rexeitou as críticas do PP ou o PSOE sobre a execución do orzamento actual. "Os datos de execución do orzamento a día de hoxe son do 72,63% por encima dos de 2011 e 2012", expuxo.


Tamén defendeu que o orzamento, por importe de 245,04 millóns, un 0,22% máis que o exercicio actual, ten, entre os seus eixos, promover o dereito á vivenda, o coidado do espazo público, a mobilidade sustentable, unha economía para as persoas ou a aposta pola área metropolitana.


"É un proxecto para garantir as prioridades básicas", recalcou. Ademais, defendeu que A Coruña é o concello "con maior volume de investimento de Galicia".


ARGUMENTOS DA OPOSICIÓN


Pola contra, desde o Grupo Municipal do PP, o seu portavoz, Rosa Gallego, considerou que se trata do "peor orzamento da historia da cidade". "Hai 64 asociacións ás que se deixa sen convenio ou ás que se reducen as achegas".


"E máis de tres millóns para contratar a persoal a dedo", afirmou ao denunciar que se pasará de cinco directores de área a nove. Mentres, indicou que, a novembro deste ano, "hai máis de 52 millóns para investimentos sen executar".


Por parte do PSOE, o concelleiro José Manuel García cuestionou un orzamento do que indicou que faltan "proxectos para articular a cidade", citando, entre outros, a Estación Intermodal. "Non vemos nada que apoiar", engadiu ao xustificar o voto en contra. "Teñen que deixarse axudar", dixo tamén nun discurso no que reprochou ao executivo que "non execute" o Plan de Emprego.


Mentres, a concelleira do BNG Avia Veira recriminou ao goberno local que "non aprendese" co ocorrido co orzamento deste ano, tras ter que prorrogar as partidas de 2015. "As contas tráense tarde, mal e arrastro con negociacións a modo de flash", sinalou pese ao acordo con Marea Atlántica na emenda levada a pleno.

relacionada ​Os retratos de Francisco Vázquez e Javier Losada súmanse á galería de alcaldes da Coruña
relacionada ​Vigo es la primera ciudad de Galicia en aprobar sus presupuestos
relacionada Compostela presenta uns orzamentos nos que cobran peso cultura e medio ambiente
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE