A Galicia de 2031 terá 28.000 fogares menos
Decrecerán o número de fogares formados por parellas con fillos e incrementaranse aqueles unipersoais ou de parellas sen descendencia.
Galicia perderá 28.223 fogares nos próximos 15 anos, na súa maioría de parellas con fillos, segundo a proxección feita pública este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Na actualidade, Galicia conta 1.060.660 fogares, pero as proxeccións do IGE apuntan a un descenso do 2,66% ata 1.032.437 fogares en 2031.
Pontevedra será a única provincia na que haberá un incremento de fogares nestes 15 anos (+1%), ao pasar de 354.628 a 358.349. A previsión é que Ourense lidere o descenso (-8,75%), de 130.435 a 119.023 fogares.
A baixada prevista en Lugo é do 7,95%, cunha rebaixa de 133.077 a 122.498 fogares; mentres na Coruña (-2,25%) pasará de 442.521 a 432.567.
ÁREAS E EVOLUCIÓN
Das 20 áreas (agrupacións de comarcas) galegas consideradas, increméntanse no período 2016-2031 o número de fogares en seis: Pontevedra (5,8%), A Coruña (3,3%), Santiago (3,1%), Vigo (2,9%), Ourense (1,7%) e Caldas-O Salnés (0,1%).
O maior decrecemento nese tempo sería nas áreas de Ourense Sur (-21,3%), Lugo Oriental (-17,2%) e Carballiño-O Ribeiro (-15,7%).
Segundo a clasificación utilizada nestas proxeccións, no período 2016-2031 os fogares unipersonais aumentarían un 0,4% e os formados por unha parella sen fillos un 2,3%. Por outra banda, diminuirían as parellas con fillos un 6,2% (case 25.000 menos), as unidades monoparentais un 3,5% e o resto de fogares un 3,7%.
O tamaño medio dos fogares galegos experimentará un continuo crecemento no período 2016-2031, pasando de 2,61 a 2,70 persoas de media; incrementarase en todas as provincias excepto en Pontevedra, onde se manterá nos niveis actuais.
Escribe tu comentario