Denuncian a pasividade do SERGAS ante novos episodios de colapsos nas urxencias do CHUS
Seguen a acumularse pacientes nos corredores da área de traballo das urxencias e pacientes gravidade en cadeiras de rodas e padiolas en zonas de paso.
A Asociación de Pacientes do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela veñen de denunciar novos episodios de colapso dos servizos de urxencia que atribúen á política de peche de camas e á colaboración “intolerable” do persoal supervisor.
Segundo este colectivo, seguen a colocarse nos corredores da área de traballo das urxencias a pacientes de diversa gravidade en cadeira de rodas e padiolas, o que a ollos da Asociación, “menoscaba a dignidade dos doentes”.
Segundo a Asociación de Pacientes, o pasado día 22 de novembro rexistraron 6 pacientes de gravidade intermedia dende as tres da tarde ata pasadas as cinco nos corredores, ao tempo que 18 pacientes tiñan asignado o ingreso en planta e “ocupaban espazo de traballo e había ademais tres espazos libres en observación”, aos cales o persoal supervisor tería “impedido o paso” dos pacientes.
A este episodio de colapso seguiríalle outro similar o pasado día 13 de decembro, denuncia a asociación, durante o cal se rexistraban pasadas as dúas e media do mediodía, un total de 22 pacientes pendentes de ingreso e 7 graves en cadeiras de rodas nos corredores de acceso e zona de traballo, dado que “todos os cubículos e lugares de observación estaban cheos”.
A última situación deste tipo da que dan conta desde a Asociación de Pacientes sucedería o día 19 de decembro, día no que pasadas as cinco e vinte da tarde habería 19 pacientes pendentes de ingreso e sen cama ocupando ademais zonas de traballo, dos cales 6 estarían graves e agardando ser atendidos en cadeiras de rodas e padiolas situadas en zonas de paso.
A Asociación de Pacientes informa no seu comunicado de que xa trasladou á Valedora do Pobo as crónicas dos colapsos para que se axunten como anexos á queixa que desde febreiro de 2016 está en trámite pero sen ditaminar, segundo o colectivo, pola “actitude hostil” do SERGAS e da xerencia do CHUS á hora de presentar informes requiridos para levar adiante a queixa.
Escribe tu comentario